21 de abr. de 2020

CULTURA

Os museos e arquivos da Xunta de Galicia súmanse á celebración do Día do Libro facendo visible o seu patrimonio bibliográfico  

Entre as actividades online programadas inclúense exposicións virtuais, certames de microrrelatos e a apertura de publicacións e dixitalización de fondos

As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue promovida polo Goberno autonómico en redes sociais con lecer e formación durante o confinamento  


    Foto: X.G.


Infogauda / Galicia

  Os museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia súmanse á programación online con motivo do Día do Libro o vindeiro xoves 23 de abril. O obxectivo é fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Baixo esta premisa, museos e arquivos fan visible o seu patrimonio bibliográfico e desenvolverán unha intensa actividade en redes sociais.

 Neste contexto, o Museo de Belas Artes da Coruña porá a disposición o número 2 do seu Boletín, un monográfico dedicado ao museo que conta coa colaboración de todo o persoal técnico e que recolle propostas teóricas e prácticas de actuación museolóxica. Tamén difundirá un catálogo sobre a mostra Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane, unha exposición na que se facía un percorrido pola vida e obra da figura de Luís Seoane, a quen o ano pasado a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas.
 
 No caso do Museo Massó (Pontevedra) porase en valor os incunables que ten custodiados ofrecendo desde o seu blog a partir do día 23 de abril o contido dixital accesible do Liber chronicarum, impreso en 1493 en Núremberg. E o Museo das Peregrinacións e de Santiago porá a disposición dos internautas para descarga e consulta as publicacións editadas por este equipamento cultural.

 Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico de Ourense ten en marcha un concurso de microrrelatos que se fallará o propio Día do Libro e cuxo premio é un lote dos últimos 10 libros publicados polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Grupo Marcelo Macías. Ademais, o museo porá a disposición da cidadanía o catálogo da exposición Na procura do pasado, unha mostra pensada para render homenaxe a todos aqueles arqueólogos que fixeron posible reconstruír a nosa historia.

 O Museo do Castro de Viladonga (Lugo) presentará a través das redes sociais os seus fondos bibliográficos co obxectivo de dar visibilidade da súa importancia para a documentación e a investigación, xa que as bibliotecas dos museos ocupan ás veces un lugar menos protagonista na súa actividade diaria.

 O Museo Etnolóxico de Ribadavia tamén se suma á celebración do Día do Libro coa edición dun libro en liña colaborativo a través do concurso O mes de abril na tradición. Os participantes están xa a facer as súas achegas no Facebook do museo, onde comparten cantigas, refráns ou cancións no que o protagonista é o mes de abril. Ademais, este equipamento cultural porá á disposición da poboación unha exposición bibliográfica en liña de revistas, recursos e libros sobre cultura popular galega a través dun álbum homónimo no seu Facebook e nun taboleiro de Pinterest. Xa por último, o propio Día do Libro no seu blog porase a disposición de todos os interesados o catálogo da exposición Colección Abrente. Arte Galega no desafío cultural do 70. Trátase da última exposición que se inaugurou no Museo antes da declaración do estado de alarma que recolle o legado de Abrente, unha asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983.

Arquivos

 Os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia tamén participarán nesta conmemoración. Así, o Arquivo do Reino de Galicia difundirá o propio 23 de abril o material sobre saúde e medicina que se conserva no fondo antigo da biblioteca auxiliar. Trátase de catro exemplares de Santa Catalina de Montefaro e un máis que pertence ao fondo antigo do Arquivo.

 O Arquivo Histórico Provincial de Ourense divulgará a través das redes sociais o manual clásico da Paleografía hispana Escuela paleographica o de leer letras antiguas desde la entrada de los godos en España hasta nuestros tiempos, que se conserva na súa biblioteca e foi publicado en 1780 polo padre Andrés Merino. Está considerado como un dos mellores manuais de Paleografía que se publicaron en España durante o século XVIII e marcou un fito na súa época pola calidade de edición e a claridade das súas láminas.

Bibliotecas públicas de Galicia

 Cómpre lembrar que as bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía. Entre as accións que se levan a cabo a través das distintas dotacións da Comunidade figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas.

 Ademais, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia poñerá en valor a través do seu apartado de novas os primeiros libros impresos en Galicia por impresores galegos. Nel, poderase consultar un rexistro completo de cada impresor, con ligazóns ás súas obras e se estas están dixitalizadas, acceder á copia dixital, para observar os primeiros traballos de impresión feitos en Galicia. Ademais, ofrece unha selección de fotografías custodiadas nos diferentes arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia que dan mostra do pracer da lectura.

Iniciativa #aculturasegue

 Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.

Ningún comentario:

Publicar un comentario