27 de abr. de 2020

GALICIA

O comité de expertos económicos de Galicia propón unha vintena de medidas para conter os efectos da crise do coronavirus  

As medidas afectan ao conxunto das administracións e teñen como obxectivo facilitar liquidez a través do adiamento de impostos, anticipos bancarios e un aumento dos créditos ás empresas

Demándase que as medidas en España vaian en liña coas adoptadas polas grandes potencias da UE para non afectar á competitividade empresarial  

Apóstase por centrar esforzos nas empresas que diminuíron as operacións como mínimo un 35% polo coronavirus  

O comité propón actuar sobre IRPF, IVE e Sociedades para dar liquidez ás empresas, e axudas específicas para adaptar os seus centros de actividade  

Tamén ve oportuno reforzar as liñas do IGAPE e habilitar un portelo único  

No eido municipal apóstase por reordenar os calendarios fiscais

Infogauda / Galicia

 O comité de expertos económicos de Galicia propón unha vintena de medidas para conter os efectos da crise do coronavirus, medidas que consisten en facilitar liquidez, a través dun adiamento de impostos, anticipos bancarios e créditos a empresas. Así se acordou hoxe nunha reunión por videoconferencia deste comité, na que tamén estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

 A criterio deste órgano, a orientación das medidas debe ter en consideración o impacto que están a ter os instrumentos de distinta natureza que están utilizando as principais economías europeas. Por iso, as medidas en España deben ir en liña coas que se están a tomar no ámbito da UE, para non afectar á competitividade da nosa estrutura empresarial.

 O comité de expertos considera que na actuación das administracións públicas débese dar prioridade a aqueles sectores e operadores económicos que resulten directa e significativamente afectados pola crise do coronavirus. En concreto, centrar os esforzos nas empresas directamente afectadas polas medidas de contención e aquelas nas que o seu volume de operacións diminuíse como mínimo un 35% respecto ao ano anterior.

 Ademais, este comité de asesoramento reclama tamén un liderado estatal na primeira fase, que reserve a un momento ulterior as medidas autonómicas e locais para evitar solapamentos entre administracións. Tamén é fundamental que o maior esforzo orzamentario das medidas orientadas a garantir a liquidez das empresas se faga no curto prazo, evitando así que un problema de liquidez en empresas viables poida derivar nun impacto estrutural na súa solvencia que leve á destrución de parte do tecido produtivo.

Propostas para o Goberno central

 En primeiro lugar, o Comité de Expertos propón diversas actuacións no ámbito dos principais impostos estatais –IRPF, IVE e Imposto sobre Sociedades- dirixidas a facilitar liquidez ás empresas. Entre elas, figura a eliminación de forma transitoria do sistema de pagos a conta do IRPF e do Imposto sobre Sociedades para as empresas afectadas pola crise, así como a modificación do prazo de declaración e ingreso das autoliquidacións do IVE correspondente aos dous primeiros trimestres de 2020.

 Ademais, os expertos tamén abren a posibilidade de rescatar plans de pensións sen penalización –para inxectar liquidez á empresa e evitar a venda de patrimonio empresarial ou o endebedamento–, e apostan por modificar a normativa sobre ingreso do IVE das facturas impagadas e por mellorar a liña dos avais do Estado canalizados polo ICO, xa que a documentación esixida é complexa e a súa tramitación excesivamente prolongada. Neste sentido, demándase axilizar este procedemento para que os créditos cubran os custos de mantemento das empresas e estas poidan reorientar a súa actividade.

 O comité de asesoramento económico tamén reclama ao Goberno central que habilite axudas específicas para que as empresas poidan adaptar os seus centros de actividade aos novos protocolos de seguridade, especialmente no caso das pemes, e o anticipo das percepcións derivadas dos ERTE, facilitando liquidez aos traballadores sometidos aos expedientes durante o período de alarma.

Propostas á Xunta e aos concellos

 No ámbito autonómico, o comité de expertos económicos propón á Xunta de Galicia un sistema de portelo único que asesore ao tecido empresarial para todas as axudas e tramitacións dependentes da Xunta. Tamén se solicita un reforzo dos avais do IGAPE, para cubrir necesidades financeiras por riba dos 200.000 euros, e a posibilidade de ampliar o montante global das liñas xa existentes –hoxe é de 250 millóns de euros- se fose necesario.

 Os expertos tamén ven oportuno aprobar liñas específicas adaptadas ás particularidades de algúns sectores, e lograr unha maior rapidez e axilidade na tramitación e pago das liñas activas de liquidez. E tamén no ámbito galego, pídese orientar as Sociedades de Garantía a pemes e autónomos excluídas polos avais estatais. Ademais, apóstase por axilizar o pago aos proveedores das diferentes administracións públicas, garantindo que, como mínimo, ese abono se realice dentro do prazo establecido pola normativa e, na medida do posible, en 15 días. Tamén se propón axilizar o pago das subvencións xa aprobadas, o que incrementará a liquidez das empresas beneficiarias de ditas subvencións.

 No ámbito municipal, apóstase pola reordenación en 2020 dos calendarios fiscais municipais do IBI, do IVTM e do IAE, a fin de que converxan co de aqueles municipios que optan polo cobro no último trimestre do ano. Esta recomendación operaría, particularmente, para aqueles municipios con tesourería suficiente e que non procederon aínda ao cobro dos tributos correspondentes. O comité propón acadar un acordo-marco coa FEGAMP, e posteriormente elevar esta proposta á FEMP para xeralizala a toda España.

Traballo intenso

 Esta é a primeira das achegas que realiza o Comité de Expertos Económicos de Galicia, que iniciou os seus traballos de xeito telemático o 15 de abril e continuará neste labor con novas propostas. Deste comité forman parte diversos expertos do ámbito académico, económico e empresarial de Galicia, así como os conselleiros de Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio Rural, e Mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario