27 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

#COVID-19 

O Consorcio contra incendios e salvamento da Deputación de Pontevedra incorpórase ás tarefas de desinfección na provincia 

As actuacións desta semana desenvolveranse nos exteriores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e Centros de Saúde de 17 concellos 

Pazo da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos na loita contra a pandemia da COVID-19 na provincia. Neste caso, a partir de hoxe mesmo o Consorcio provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento incorpórase ás tarefas de desinfección nos concellos da provincia de máis de 5.000 habitantes. Concretamente, a través deste servizo adscrito á Deputación, e mediante unha nova unidade de desinfección constituída por persoal e vehículos dos parques, vanse desinfectar ao longo desta semana os exteriores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e Centros de saúde de ata 17 concellos de Pontevedra.

 Máis polo miúdo, as tarefas de limpeza que comezan hoxe a cargo do Consorcio provincial realizaranse nos concellos de Bueu (Centro de Saúde de Bueu), Caldas (Centro de Saúde de Caldas), Cambados (Centro de Saúde de Cambados), Cerdedo-Cotobade (Centro de Saúde de Tenorio), O Grove (Centro de Saúde do Grove), Marín (Centro de Saúde de Marín), Meaño (Centro de Saúde de Meaño), Moaña (Centro de Saúde de Domaio), Poio (Centro de Saúde de Anafáns), Ponte Caldelas (Centro de saúde de Ponte Caldelas), O Porriño (PAC Porriño e Centro de Saúde de Porriño), Sanxenxo (Centro de Saúde de Baltar e Centro de Saúde de Dena), Soutomaior (Centro de Saúde de Arcade), Tomiño (Centro de Saúde de Tomiño), Vilaboa (Centro de Saúde de Vilaboa), Vilagarcía (Centro de Saúde San Roque) e Vilanova de Arousa (Centro de Saúde de Vilanova de Arousa).

 Xunto a esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra está a desinfectar periodicamente o Centro Príncipe Felipe ao que se une a guía, elaborada por persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, con recomendacións aos concellos para a limpeza e desinfección cara a combater a pandemia. Na guía, entre outras cuestións, desaconséllase todo tipo de varrido en seco, especialmente o soprado, e recoméndase a utilización de derivados do amoníaco e deterxentes adecuados para a limpeza e baldeo, así como de lixivia, diluída na proporción correcta, para a desinfección. Tamén se suxire a utilización de equipos completos de protección para o persoal que realice os traballos específicos de desinfección de espazos ou elementos públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario