A Xunta de Galicia realiza unha consulta ao tecido empresarial galego para fabricar novos produtos que axuden a previr e combater o COVID-19
O presidente do Goberno galego visitou hoxe en Silleda a empresa Arlit, que reorientou a súa actividade e vén de entregar ao Sergas máis de 30.000 pantallas protectoras faciais
Foto: X.G
Esta consulta ás pemes galegas que se activa hoxe permitirá finalizar o deseño dunha nova liña de axudas destinada a apoiar a produción de medicamentos, tratamentos, equipos hospitalarios e médicos e outros bens
Esta iniciativa súmase á convocatoria xa aberta por 2,5 millóns de euros para impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria
Infogauda / Galicia
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez
Feijóo, visitou hoxe en Silleda a empresa Arlit, dedicada á impresión en
gran formato sobre distintos tipos de superficie e que, ante a actual
situación, reorientou a súa actividade e comezou a producir pantallas
protectoras faciais, das cales entregou máis de 30.000 unidades ao
Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Precisamente a Xunta vén de
activar hoxe, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia
(DOG), unha consulta ao tecido produtivo galego destinada a coñecer a
dispoñibilidade das pemes galegas para acometer a fabricación de
produtos que sirvan para combater o COVID-19.
Os resultados da
sondaxe permitirán finalizar o deseño dunha nova liña de axudas que o
Goberno galego activará nos próximos días para impulsar a produción en
Galicia de medicamentos, tratamentos e equipamentos hospitalarios e
médicos, entre outros bens destinados ao uso de persoal sanitario, de
traballadores e da poboación en xeral.
A partir de mañá e ata o
vindeiro mércores 29 de abril, as pemes galegas poderán comunicar, de
xeito telemático, os proxectos que poderían acometer para a fabricación
deste tipo de produtos e as súas características, así como as suxestións
que consideran oportunas para incorporar na liña de apoios que se vai
activar proximamente.
En concreto, o novo programa impulsará a
produción polas empresas galegas de medicamentos -incluídas as vacinas- e
tratamentos contra o COVID-19, produtos intermedios, ingredientes
farmacéuticos activos e materias primas necesarias para a súa
elaboración; produtos sanitarios, equipos hospitalarios e médicos
-incluídos respiradores, roupa e equipos de protección e ferramentas de
diagnóstico-, e as materias primas necesarias; desinfectantes; e
ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos. Os apoios previstos
poderán acadar ata 800.000 euros.
Apoios para reorganizar a produción
Esta
iniciativa súmase á convocatoria xa aberta para impulsar a
reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á
emerxencia sanitaria, dotada con 2,5 millóns de euros. As axudas, de ata
100.000 euros e destinadas a pemes e autónomos, cubrirán o 75% dos
investimentos e gastos que realicen as empresas para adaptar a súa
produción á fabricación dos seguintes materiais: téxtiles sanitarios,
equipos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros,
luvas e pantallas de protección persoal), kits e consumibles de
diagnose, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de
intervención ou tratamento, ventiladores e as súas compoñentes,
elementos para a desinfección e outros equipamentos necesarios para a
prevención e loita contra o COVID-19 ou o tratamento da enfermidade.
Os
proxectos que opten aos apoios terán que propoñer a subministración
dunha primeira remesa de produtos antes do 30 de xuño e ser validados
polo Comité de fabricación de equipamento sanitario, impulsado pola
Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de
equipamento, que a través da plataforma online Marketplace reúne xa as
ofertas dun cento de empresas. Entre elas, está a empresa que, con máis
de 20 anos de experiencia, visitou esta mañá o presidente da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario