A Xunta de Galicia analiza cos xeodestinos medidas específicas co obxectivo de seguir impulsando o turismo rural
A directora de Turismo, Nava Castro, reuniuse hoxe por videoconferencia con representantes de varias destas entidades locais de toda a Comunidade
Abordáronse os efectos da crise sanitaria e coincidiuse na necesidade de cooperación conxunta para dar confianza dos traballadores e viaxeiros
Infogauda / Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, reuniuse hoxe con representantes de varios xeodestinos galegos
para abordar os efectos nestas áreas da crise sanitaria do coronavirus.
Neste sentido, salientou que a Xunta está a ultimar un plan de
reactivación para os sectores cultural e turístico, dotado con 25
millóns de euros, que incluirá medidas específicas para os xeodestinos
co obxectivo de impulsar o turismo rural no escenario posterior ao
COVID-19.
A xuntanza permitiu poñer de manifesto a importancia que
os distintos xeodestinos teñen no modelo turístico galego,
especialmente no rural. Por iso, afondouse na cooperación para
contribuír á recuperación do sector a partir de produtos renovados, ao
tempo que o Goberno autonómico traballa nunha nova campaña de promoción.
A
representante da Xunta explicou durante o encontro o traballo que se
está a realizar desde a Consellería de Cultura e Turismo durante esta
crise e expuxo ferramentas que teñen á súa disposición para mellorar a
competitividade, como o novo plan de teleformación ao que tamén poden
acollerse os xestores turísticos. Tamén se referiu ao plan de seguridade
sanitaria, actualmente en desenvolvemento e no que a Xunta prevé
incorporar as achegas da Federación Galega de Municipios e Provincias
(Fegamp).
Esta reunión enmárcase nos encontros que a Xunta está a
manter nestas semanas co sector e coas diferentes administracións e
axentes implicados para traballar no novo escenario turístico e elaborar
os protocolos e medidas máis axeitados en cada escenario.
Participaron
alcaldes e representantes de Arousa Norte, Costa da Morte, Ribeira
Sacra, O Salnés, Terras de Pontevedra, Ferrolterra, Mariña lucense, O
Ribeiro, Muros-Noia, As Mariñas, Celanova-Baixa Limia,
Manzaneda-Trevinca, Condado-Paradanta, Terras de Compostela, Ría de
Vigo-Baixo Miño, Verín-Viana e Deza-Tabeirós e Ancares Courel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario