Galicia traballará co ICTE na posta en marcha de certificacións de seguridade sanitaria no sector turístico
O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu a primeira xuntanza do grupo de traballo para elaborar un plan sanitario adaptado a esta industria
Acordouse avanzar nun sistema que acredite as medidas de seguridade e hixiene dos establecementos e destinos para reforzar a confianza dos usuarios
Román Rodríguez subliñou a necesidade de traballar de xeito conxunto para situar Galicia como un destino fiable e de calidade ante o novo escenario
No grupo participan distintos departamentos da Xunta como o Sergas, o ISSGA e o CSHG ademais da Fegamp e o propio sector, xunto con especialistas como o catedrático de Medicina Preventiva da USC, Juan Gestal
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia traballará xunto co
Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE) na posta en marcha
de certificacións de seguridade sanitaria no sector turístico que
permitan reforzar a confianza dos traballadores e usuarios ante o novo
escenario post Covid-19. Así o avanzou o conselleiro de Cultura e
Turismo, Román Rodríguez, tras presidir a primeira xuntanza do grupo de
traballo creado a instancias do Goberno galego para elaborar un plan
sanitario adaptado ás diferentes actividades desta industria.
No
encontro, celebrado por videoconferencia, estiveron presentes a
directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto con
representantes doutros departamentos e organismos da Xunta como o
Sergas, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ou o
Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). Tamén participaron na
xuntanza membros da Federación Galega de Municipios de Provincias
(Fegamp), representantes do sector a través do Clúster Turismo de
Galicia, o presidente do Instituto para a Calidade Turística de España
(ICTE), Miguel Mirones, xunto con expertos como o catedrático de
Medicina Preventiva da Universidade de Santiago (USC), Juan Gestal.
O
titular de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar con
planificación e anticipación para situar Galicia como un destino fiable e
calidade unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de
alarma. Para lograr este obxectivo, acordouse, por unha banda,
consensuar unha serie de protocolos e estándares que acrediten a
adopción de medidas de seguridade e hixiene por parte dos distintos
establecementos do sector, así como dos destinos da Comunidade.
En
paralelo, decidiuse poñer en marcha certificacións que recoñezan a
aqueles locais e destinos que cumpran as medidas recollidas nos citados
protocolos, garantindo así a calidade da súa oferta e ofrecendo unha
maior seguridade ao usuarios.
Actuar con garantías e axilidade
Segundo
puntualizou Román Rodríguez, é necesario actuar con garantías e
axilidade, permitindo a acreditación da seguridade dos establecementos
unha vez rematen as restricións derivadas do estado de alarma, co
obxectivo de favorecer a recuperación do sector coa maior rapidez. Neste
sentido, explicou que Galicia conta na actualidade con preto de 1000
empresas certificadas con selos como a Q de Calidade ou o distintivo
Sicted que poderían obter tamén un recoñecemento que acredite a súa
seguridade sanitaria incorporando novos criterios de hixiene ás
auditorías realizadas.
O conselleiro de Cultura e Turismo lembrou a
necesidade de situar Galicia como un destino seguro para impulsar a
reactivación do sector, dotar de maior confianza aos usuarios e achegar
certezas ao tecido económico galego. Deste xeito, lembrou que a nosa
Comunidade conta coas condicións idóneas para situarse como un referente
neste eido, ao contar cunha oferta turística ligada a valores como a
natureza, a paisaxe, a enogastronomía ou ao Camiño de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario