O Museo e o Arquivo Provincial celebran o Día do Libro con lecturas de Castelao e dando a coñecer as novas incorporacións para a Biblioteca
O relato "O pai de Migueliño" centra as actividades en liña para as máis pequenas e pequenos da casa
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra
e o Arquivo Provincial tamén se sumaron hoxe ás actividades do Día do
Libro con cadansúa iniciativa: unha lectura dun relato de Castelao ao
redor da que facer diversas actividades en liña e a publicación do
listado de novas adquisicións por parte da Biblioteca provincial, na que
se inclúen diferentes obras de autoras e autores do país que se poderán
consultar presencialmente unha vez remate o estado de alarma.
No caso do Museo, a proposta leva o nome "Lendo a Castelao" e propón a
lectura do relato "O pai de Migueliño", pertencente ao segundo libro de Cousas (1929). Ademais de colorear a ilustración que acompaña o texto e poder enviala a gabinetedidactico.museo@depo.es,
o equipo educativo proponlles ás rapazas e rapaces que fagan a súa
propia versión do conto que orixinalmente fai referencia á emigración e
tamén que debuxen outra imaxe de como pintaría hoxe Migueliño a seu pai:
véndoo nun álbum de fotos, nun vídeo na tele ou nunha foto no móbil.
Pola súa parte, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, a
través da súa web arquivos.depo.gal, achega as referencias das últimas
novidades incorporadas á biblioteca. Neste caso son 17 obras de autoras e
autores locais. As máis recentes son dúas sobre o autor ao que se lle
dedica este ano o Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero: o anxo da terra, de Rabuñal e Carvalho Calero: vida e obra dun ser polifacético, de Dacosta López; ademais de Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra: 1936-1966, de Regueira. Os tres libros publicáronse este mesmo ano.
Outros títulos incorporados son O soño crebado: da República á Guerra civil en Vigo e a súa bisbarra; Estudos sobre o Foro de Pontevedra: 1169; Emilia Pardo Bazán: la escritora en Miraflores; Crónicas de Pontevedra: volumen III; O humorismo gráfico de Castelao; Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos; Son de Galicia: os coros galegos; As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade: roseiras e paxariños nas cantigas dun serán; Olimpia Valencia: ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera, do Instituto de Estudios Vigueses; Os exvotos na relixiosidade popular galega: a súa dimensión patrimonial; Verbas tecidas con encaixes: dicionario histórico, etnográfico e literario do encaixe galego; María Vinyals, la mujer del porvenir: siete vidas bajo la sombra de un castillo; A Casa del Maestro de Pontevedra (1934-1936): Organización Societaria e Depuración do Maxisterio e Heichas contar: contribución ao corpus mitolóxico galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario