Areeiro continúa a alertar sobre os patóxenos favorecidos pola humidade en froiteiras e plantas hortícolas
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanza un novo aviso fitosanitario referido a kiwis, maceiras, marmeleiros, froiteiras de óso, cítricos, plantas de horta, buxos e camelias
Folla con ninfas
Foto: EFA
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
Despois das recomendacións desta semana sobre as viñas, a Estación
Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra,
vén de lanzar un novo aviso fitosanitario relativo a diferentes
froiteiras e plantas hortícolas. Principalmente os avisos e
recomendacións que traslada a institución provincial, afectan a kiwis,
maceiras, marmeleiros, froiteiras de óso, cítricos, plantas de horta,
buxos e camelias.
Deste xeito, no que atinxe ao kiwi,
as precipitacións e temperaturas máximas máis baixas que se rexistrarán
estes días continuarán a xerar condicións favorables ás bacterioses,
polo que haberá que continuar coas aplicacións de cobre ou Bacillus subtilis. Pola súa banda, no caso da maceira,
as condicións meteorolóxicas previstas tamén favorecen ao patóxeno
causante do moteado, polo que cómpre facer revisións periódicas na
procura de síntomas.
O aviso da EFA refírese tamén nesta ocasión ao marmeleiro, onde comezaron a observarse claramente os síntomas da Entomosporium macculatum.
De non controlala, esta patoloxía pode provocar unha defoliación
prematura das árbores que dificulta a madureza dos marmelos. De momento
en ningún caso se observaron danos, pero Areeiro suxire permanecer
alerta ante a proximidade dun novo período de choivas.
En canto ás froiteiras de óso,
apreciouse a aparición en árbores de diferentes predios dalgunhas
enfermidades fúnxicas pola presenza de varios patóxenos. Dado que está
previsto que volvan as choivas, é de esperar que continúen avanzando
estes patóxenos, polo que a EFA sinala que é conveniente tratar con
funxicidas que non se laven ca choiva no caso de que xa haxa danos de
gravidade.
No que atinxe aos cítricos, que
nesta época están en brotación, favorecida pola climatoloxía actual, a
Estación Fitopatolóxica apunta que os brotes tenros favorecen a
aparición de insectos chupadores como a psila africana (Trioza erytreae),
as moscas brancas, pulgóns ou cochinillas. Neste senso, a EFA sinala
que se a presenza de gromos afectados é aínda escasa, situación máis
frecuente nestes momentos, unha boa medida de contención é ir
eliminándoos e destruíndoos. Tamén a instalación de trampas engomadas
amarelas nos bordos de onde hai cítricos contribúe a reducir os adultos
que poden chegar a eles.
A citada climatoloxía está a provocar xa danos importantes nalgunhas plantas de horta,
desde todo tipo de verduras ata cebolas, pementos ou patacas, por
caracois e babosas. Nestes casos, ademais dos remedios naturais e
mecánicos que se poidan estar adoptando, Areeiro subliña que está
xustificado o uso dalgún produto a base dunha das dúas únicas materias
activas autorizadas fronte a estes animais: fosfato férrico ou
metaldehido. Amais, recomenda non esquecer o mantemento da protección
das plantas fronte aos diversos fungos que lles poden afectar para
evitar os danos á colleita que poden producir debido ás precipitacións
desta primavera.
Tamén suxire non descoidar a vixilancia da Cydalima perspectalis
no caso do buxo, porque as eirugas desta especie fan niños nos que se
agochan. Nas fincas visitadas esta semana, observouse unha nova sebe moi
sombría onde aínda quedaban eirugas alimentándose e causando danos,
cando o máis habitual nas plantas controladas é a presenza de
crisálides.
Por último, o aviso da EFA refírese á camelia.
Areeiro detectou a presenza cada vez máis notoria de brotes e sinala
que nesta época débese eliminar o ápice e as últimas follas das plantas
para controlar o seu desenvolvemento. Con esta práctica elimínase tamén
parte das follas onde se están a situar as colonias dos pulgóns. Porén,
se son demasiados brotes os afectados non será suficiente con esta
operación e neste caso Areeiro apunta que pode ser preciso aplicar un
tratamento para evitar danos.
Hai que lembrar que mentres
permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os
percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de
seguimento habitual, que está formada polas parcelas de
seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e
os datos aportados por técnicos e viticultores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario