Teresa Mlawer: unha camposina no cumio do mundo editorial
Teresa Mlawer
Proxecto Socheo / Camposancos (A Guarda)
Hai que recoñecelo, desde o principio moi pouca xente na Guarda, nós entre eles, escoitara falar de Teresa Mlawer. A súa morte, fai unhas semanas, levou a que se publicaran varias semblanzas da súa figura en varios xornais galegos. Entre os seus incribles datos biográficos sinalaban o seu lugar de nacemento: A Guarda. Este feito provocou moita curiosidade e intentouse investigar algo desta, para nós -os seus veciños-, enigmática muller. Porén, seu apelido non axudaba: Mlawer... Un apelido estraño para estas latitudes e que tiña unha reminiscencias xudías e polacas.
Uns días máis tarde un coñecido editor galego, Xosé Ballesteros, fixo unha semblanza da súa figura na Voz de Galicia e especificou máis aínda a súa procedencia: Camposancos. Este foi un dato moi importante xa que permitía acoutar a procura. Nese último escrito contaba unha anécdota persoal de que cando era pequena montou no burro da súa tía Isabel. Malia a situación de alarma polo coronavirus o poder de pesquisa polas redes sociais púxose de novo en evidencia e foi así, como pouco a pouco, coa axuda de moitos veciños, foise tecendo a biografía que quedaba oculta de Teresa Mlawer.
O apelido orixinal de Teresa foi Rodríguez. O seu pai chamábase José, unha familia con seis irmáns, tres homes e tres mulleres. El era o menor dos homes. O seus irmáns maiores, Agustín e Benito, marcharon emigrados a Cuba. José imitounos con 14 anos e púxose a traballar nas empresas dos seus irmáns. Mentres, en Camposancos ficaron as súas irmáns Avelina, María e Isabel. Esta última foi a propietaria do burro Domingo, protagonista da anécdota da nenez á que sempre se refería Teresa. A casa familiar aínda está en pé, preto da Casa das Torres, uns cen metros polo camiño do Lugar Salgueiró.
José Rodríguez casou cunha cubana chamada Francisca Mistral. Teresa finou con 74 anos polo que podemos situar o seu nacemento arredor do 1945. Mais o lugar do seu nacemento todo nos apunta á Habana. Neste punto é onde xurde algo de controversia en como no primeiro artigo no xornal Nós apuntaban o seu nacemento na Guarda e como as biografías oficiais sinalan á capital de Cuba. O cura e os veciños de Camposancos corroboran esta última opción.
Malia nacer en La Habana hai que dicir de que con poucos anos cruzou o Atlántico e veo a Galicia a ver a familia paterna. Nese momento, arredor dos 3-4 anos, cando se fixan as lembranzas da Teresa "galega" e os recordos co burro Domingo. Volvería unhas cantas veces máis a Camposancos o que lle axudaría a consolidar as súas lembranzas.
En 1962 Teresa deixou Cuba e emigrou aos EE. UU., concretamente a Nova York. Alí comezou a súa andaina no mundo editorial como tradutora de libros. Casou en 1976 con William Mlawer do que colleu o seu apelido. Entre os dous fundaron a librería Lectorum, especializada en libros infantís para nenos. A súa figura tivo moito predicamento e consolidouse como unha das persoas de referencia na literatura infantil. A súa gran aportación fo introducir a literatura traducida a español no mercado norteamericano onde hai unha gran presenza latina. A crise do libro de papel fixo reconducir a súa carreira cara a distribución de libros mais aínda así, esta reformulación acrecentou o prestixio internacional de Teresa.
Segundo din algunhas fontes Teresa Mlawer volveu de maior a Camposancos, para ver como cambiara a terra onde nacera o seu pai. En Camposancos estaba a súa familia e tamén parte das súas primeiras lembranzas. Non se saberá a estima que lle tiña a Galicia mais os que a coñeceron din que sempre que podía presumía de galega.
A NY Public Library, unha das bibliotecas máis importantes do mundo, fíxose eco do seu pasamento, podedes leela nova premendo aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario