Unha morea de novidades na plataforma ‘#euquedonacasa’do Concello do Rosal
Conta con novos xogos, recomendacións e lecturas, experimentos, manualidades, receitas de cociña, consellos medioambientais e información de cuestións relevantes como o emprego
Informa: Concello do Rosal
Continúan crecendo as propostas colgadas na plataforma ‘#euquedonacasa’ do Concello do Rosal para desfrutar en familia deste tempo de confinamento con actividades sinxelas e divertidas, pero tamén para dar resposta a algunhas das dúbidas en materia de emprego, de medidas de protección de contaxios por COVID-19, axudas económicas ou de impostos autonómicos que foron xurdindo nas últimas semanas.
Así, nos últimos días incorporáronse a esta web novas propostas para entreter con experimentos as horas de lecer durante a corentena, probas sinxelas con elementos que se poden atopar na casa e feitos paso a paso cos que os nenos e nenas desfrutarán creando efectos ópticos, facendo unha lámpada de lava, pasas bailarinas ou experimentando co que lle pasa a un óso cando se mete nun líquido como o vinagre. Moitas novidades tamén no apartado de manualidades, con novas e entretidas ideas como a creación de flores con CD’s, facer unha galiña de papel, decorar ovos, facer figuras con noces, decorar unha camiseta de xeito personalizado ou facer papel reciclado se xeito sinxelo.
Novidades tamén no apartado de receitas, con pratos sinxelos cos que nenos e nenas poden ir introducíndose na cociña e nos que introducir novos alimentos sans de xeito diferente. Así, na plataforma poden atoparse receitas para facer gofres sans, ruliños de grelos con tetilla, espaguetes con brócoli, rabo de tenreira ou unha torta de queixo fría, todos pratos para chucharse os dedos. O recuncho de lectura inclúe tamén unha nova referencia, a de Baía Edicións, que pon a disposición do público varios libros para descargar de balde dende a súa web para ler durante o confinamento facendo un uso responsable.
Lembra que acabamos de poñer en marcha un novo xogo, #nacasaperoenforma, no que se pide a todos os veciños e veciñas que envíen fotografías facendo deporte na casa: imaxes que recollan situacións cómicas, levantamentos de pesos orixinais, lugares impensables, retos imposibles... que se irán publicando nas redes sociais do Concello. E continuamos co xogo #desdeamiñaventá, con fotos tomadas desde as fiestras dos rosaleiros e rosaleiras amosando as marabillosas paisaxes que se poden atopar no Rosal. Para participar en calquera dos xogos hai que enviar a información a euquedonacasa@concellodorosal.gal cos requisitos indicados nas bases de ambas iniciativas, dispoñibles na web.
Importantes tamén as recomendacións, que conta cun vídeo por cortesía de Sabine Pfister para mellorar o estado de ánimo nestes días de confinamento practicando o ioga da risa. No apartado de medio ambiente pódese atopar recomendacións coas que diminuír o consumo e facilitar a reciclaxe, pero tamén todos os elementos e pasos necesarios para facer cousas como xabón ou desodorizante caseiro.
O apartado de emprego segue a dar resposta ás cuestións máis urxentes relativas a ERTEs, oficinas de emprego, subsidios ou prestacións durante o estado de alarma, pero tamén recomendacións ou boas prácticas nos centros de traballo para a prevención de contaxios; as medidas adoptadas polo Ministeriode Inclusión, Seguridad Social y Migraciones; información sobre as políticas económicas e laborais aprobadas pola Xunta de Galicia ante o coronavirus; as axudas económicas da Consellería de Economía, Emprego e Industria ante a pandemia; ou información sobre a suspensión de prazos para a presentación dos impostos autonómicos relacionados con transmisións patrimoniais, actos xurídicos documentados e de sucesións.
Todas as veciñas e veciños poden contribuír a enriquecer esta plataforma municipal e interactiva achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario