22 de abr. de 2020

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE CAMPOSANCOS, TITULAR DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DO MONTE SANTA TREGA

· Unha sentencia anula o deslinde do Monte Santa Trega, que fora aprobado polo Xurado Provincial de Montes de Pontevedra


O Museo Arqueolóxico do monte Santa Trega, no Pico de San Francisco, domina a acrópoli do xacemento prehistórico máis visitado do Noroeste peninsular
Foto: Infogauda


Infogauda / Camposancos

 No día de hoxe, mércores día 22 de abril de 2020 tivemos acceso a sentencia 64/2020, de data 13 de marzo de 2020, dictada polo Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Pontevedra, en relación ao procedimento ordinario 202/2019 promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos contra o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Mán Común de Pontevedra, e como parte codemandada a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda.  

 De acordo cos antecedentes que figuran na devandita sentencia, "a Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Camposancos interpuxo recurso contencioso-administrativo contra o acordo do 26 de marzo de 2019 do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra desestimatorio do recurso de reposición presentado fronte ao acordo do 14 de xullo de 2017 que aprobou o deslinde parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e da Guarda, no termo municipal da Guarda (DOG 02/05/2019).

 No “suplico” final da súa demanda solicitou, ademais da anulación das resolucións impugnadas, que: "condénese á Administración demandada a retrotraer os trámites do procedemento de deslinde para resolver, con carácter previo á súa aprobación definitiva, as discrepancias postas de manifesto con relación ao edificio do Museo de Santa Tegra".  Todo iso coa imposición das costas do proceso aos demandados.

 O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra e a Comunidade Veciñal de Montes en Man Común da Guarda opuxéronse á demanda cos seus respectivos escritos de contestación, nos que solicitaron a inadmisión ou a íntegra desestimación do recurso, con imposición de costas á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. 

 Nos Fundamentos de Dereito consta: "Constitúe o obxecto deste proceso o acordo do 26 de marzo de 2019 do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, desestimatorio do recurso de reposición presentado fronte ao acordo do 14 de xullo de 2017 que aprobou o deslinde da fronteira entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e da Guarda, no termo municipal da Guarda (DOG 02/05/2019)".

 Na súa demanda a Comunidade de Montes veciñais en Mán Común de Camposancos alega, en síntese, que "o deslinde en cuestión aprobouse co incumprimento de dous trámites esenciais, cuxa omisión determina a súa nulidade de pleno dereito. En primeiro lugar, considera que o desacordo xurdido entre as dúas comunidades de montes durante a tramitación do expediente debeu haberse resolvido antes da aprobación definitiva do deslinde, ben mediante unha arbitraxe, ben por resolución da xurisdición civil (artigo 53 Lei 7/2012, do 28 de xullo, de montes de Galicia). E, en segundo lugar, que se omitiu a preceptiva autorización da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, ao afectar o deslinde directamente ao edificio museo do monte Santa Tegra, declarado BIC, alterando a estrutura parcelaria".

  O  Xurado Provincial de Clasificación de Montes  Veciñais en  Man Común de Pontevedra aduce na súa Contestación, en resumo, que a resolución se ditou conforme ao procedemento legalmente establecido, conforme aos documentos e planos achegados polas propias comunidades de montes, promotoras do deslinde. Incide en que a Asemblea da Comunidade de Camposancos aprobou a liña do deslinde nun acordo  solemnizado en acto de conciliación perante o xulgado de Paz da Guarda, co efecto vinculante establecido nos artigos 147 e 148 da Lei 15/2015, de Xurisdición Voluntaria.

 A  Comunidade  Veciñal de Montes en  Man Común da Guarda esgrime na súa Contestación, en primeiro lugar unha excepción de inadmisión do recurso por falta de lexitimación activa “ad  procesum” da demandante por non achegar o preceptivo acordo do seu órgano competente sobre a decisión de interpoñer este recurso contencioso-administrativo. En canto ao fondo insiste en que durante a instrución do expediente non existiu desacordo algún entre as dúas comunidades veciñais. A solicitude do deslinde presentouse conxuntamente cun informe pericial en cuxos planos figura, entre as mouteiras 2 e 3, Casa-Museo. Foi ratificada polas asembleas de ambas as comunidades e solemnizada en conciliación con avinza polo Xulgado de Paz. Existiu un acordo total e absoluto sobre a liña de deslinde e cumpriuse correctamente o procedemento establecido. Insiste por último na innecesariedade da autorización da Consellería de Cultura.

 Neste caso en concreto a demandante achegou o 21 de xuño de 2019 unha certificación acreditativa do acordo adoptado pola súa Asemblea Xeral en data 11 de marzo de 2017 autorizando ao seu Presidente para levar á vía xudicial o conflito “existente coa propiedade do museo e a súa inclusión na delimitación dunha ou outra comunidade”. Constátase que se cumpriu suficientemente o referido requisito procesual.

 Entrando no exame do fondo do asunto, cabe sinalar como punto de encadre do conflito, que as discrepancias da demandante co deslinde impugnado circunscríbense principalmente a un punto específico da liña de fronteira entre as dúas comunidades, na parte máis alta do monte de Santa Tegra, entre os fitos núms. 3 e 4. En concreto o referido á superficie ocupada polo Museo Arqueolóxico (MASAT).

 Tal e como se pode observar nos planos dos fols. 22 e 94 do expediente administrativo, a liña do deslinde aprobado atravesa a casa-museo lonxitudinalmente de norte a sur. Aproximadamente o 80% da súa superficie queda no lado da Comunidade de Montes da Guarda e o resto no da de Camposancos.

 Ao tratarse dun deslinde “voluntario”, tramitado pola iniciativa conxunta das dúas comunidades de montes lindeiros, o seu procedemento de aprobación réxese polo disposto nos artigos 52 e 53 da Lei 7/2012, do 28 de xullo, de Montes de Galicia, nos que se dispón o seguinte:

 "O deslinde, total ou parcial, poderá realizarse en fases, actuando sobre as partes do perímetro lindeiro con outros montes veciñais en man común e sobre as partes do perímetro lindeiro con propiedades particulares, analizando a documentación acreditativa da propiedade mediante a titularidade reflectida nos asentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, no seu caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba, nos termos que regulamentariamente se determinen".

 "Os perímetros lindeiros con outros montes veciñais en man común haberán de ser obxecto de deslinde provisional polas comunidades de montes veciñais en man común. Unha vez ratificado o deslinde provisional polas asembleas xerais de cada unha das comunidades de montes veciñais en man común afectadas, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e da seguinte documentación ou calquera outra que poida establecerse por orde da consellería competente en materia de montes: acta do deslinde, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

 Unha vez realizado o deslinde, o xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria, nun prazo máximo de seis meses, que será publicada no «Diario Oficial de Galicia» e debidamente notificada ás comunidades interesadas. 

 Os desacordos entre comunidades de montes no procedemento de deslinde provisional poderán dar lugar, previo compromiso das partes, a unha arbitraxe definitiva da consellería competente en materia forestal conforme a normativa sobre arbitraxe, composto por un mínimo de tres membros designados polo xurado provincial de montes veciñais en man común. 

 Os desacordos que non se sometesen a arbitraxe decidiranse na vía xurisdicional civil".

 No suposto analizado compróbase que inicialmente se cumpriron todos os requisitos establecidos na norma (...)".

 "(...) O problema xurdiu a continuación. En data 7 de xullo de 2017 tivo entrada no rexistro da Xunta de Galicia de Pontevedra un escrito do presidente da Comunidade de Montes de Camposancos no que solicitou, con carácter principal, a suspensión do procedemento ao amparo do preceptuado no artigo 22 Lei 39/2015 (LPAC). E, subsidiariamente "que se deixe sen efecto o presente procedemento de deslinde".

 Motivou a súa petición en que a división do edificio do museo expón problemas xurídicos e materiais que deben aclararse antes da aprobación do deslinde, con previo coñecemento da Consellería de Cultura, dada a súa condición de BIC.  Tamén en que: "non hai acordo algún establecendo que as edificacións rexistradas no Rexistro da Propiedade, a nome da Comunidade de Camposancos, deban ser transmitidas a favor da Comunidade da Guarda. E entre elas a Casa-Museo. Por tanto, aínda que houbese un acordo, que só admitimos para os efectos dialécticos aceptando un deslinde dos terreos, iso nunca supoñería a transmisión das edificacións a nome, neste caso, da Comunidade da Guarda, porque mesmo podería darse o caso de que sendo un o titular da superficie ou terreo no cal se asenta unha edificación, esta correspondese a terceira persoa. E aínda admitindo, a efectos dialécticos, que se producise un deslinde tal como reflíctese no plano do Sr. Ocampo, o mesmo resultaría xurídica e  rexistralmente imposible de levar a cabo, porque o edificio é único e indivisible, sen posibilidade, neste caso, de formalizar calquera tipo de escritura de división horizontal ou similar; e sen posibilidade xurídica e rexistral de establecer unha titularidade para unha parte do mesmo, e outra titularidade para o resto (...). Con carácter previo á  prosecución da instrución do procedemento debe abordarse unha análise conxunta entre as dúas Comunidades de Montes (...) para o efecto de acordar posibles solucións ao problema.

 O Xurado Provincial de Montes descoñeceu, ao parecer, este último escrito e en data 10 de xullo de 2017 ditou a primeira resolución aquí impugnada, aprobando o deslinde “de mutuo acordo” nos termos do proxecto técnico presentado, sen realizar maiores consideracións (DOG 29/09/2017). A continuación a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos interpuxo recurso de reposición. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda presentou outro escrito opoñéndose. E finalmente o Xurado Provincial de Montes ditou a resolución aquí impugnada, desestimando o recurso de reposición. Motivouse en que o deslinde: "foi debidamente aprobado sen ningún tipo de obxección pola propia Asemblea Xeral da CMVMC de Camposancos e solemnizado en acto de conciliación perante o xulgado de Paz da Guarda, co consecuente efecto vinculante previsto nos artigos 147 e 148 da Lei 15/2015, de Xurisdición Voluntaria".

  Con este punto de partida, resolveranse a continuación os dous motivos impugnatorios esgrimidos na demanda. No primeiro, como se dixo, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos sostén que unha vez comunicada á Xunta de Galicia a súa solicitude de suspensión ou de desistencia do deslinde polas desavinzas sobrevindas coa comunidade da Guarda, debeu paralizalo ata que a controversia terminase ben mediante unha arbitraxe, ben mediante unha resolución da xurisdición civil (artigo 53.3 Lei 7/2012, do 28 de xullo, de montes de Galicia). Os demandados (Xurado Provincial de Montes Veciñais en Mán Común de Pontevedra e Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda) consideran que, pola contra, unha vez  solemnizado o acordo inicial do deslinde provisional perante o xulgado de Paz en acto de conciliación, a Comunidade de Camposancos xa non podía botarse atrás no procedemento tramitado para a súa aprobación definitiva polo Xurado Provincial de Montes.

 Segundo consta nos Fundamentos de Dereito "a solución do motivo require clarificar a natureza xurídica deste tipo de expedientes de deslinde. É necesario determinar se na fase final diante do Xurado Provincial de Montes réxese polo “principio de oficialidade” (indispoñible para as partes) ou polo “dispositivo”, a vontade de cada un dos seus promotores.

 Pois ben, da interpretación gramatical do referido artigo 53 Lei 7/2012, conforme ao sentido das súas palabras (artigo 3.1 CC), alcánzase a primeira conclusión.

 O deslinde do monte comunal realízase en dúas fases ben diferenciadas. Nunha primeira, que o artigo 53.1 denomina “deslinde provisional”, as dúas comunidades veciñais deben poñerse de acordo sobre o trazado do deslinde. O artigo 53.3 precisa que as discrepancias nesa fase previa de “deslinde provisional” han de resolverse ben mediante arbitraxe, ben por resolución da xurisdición civil. 

 Unha vez aprobado o “deslinde provisional” (por acordo das comunidades, ratificado en acto xudicial de conciliación) e presentado diante do Xurado Provincial de Montes xa non se aplica o artigo 53.3 Lei 7/2012, sendo regulada a aprobación definitiva, conforme dispón o artigo 53.2 da mesma Lei. Tampouco se pode esquecer a este respecto o carácter vinculante e executivo do acordo solemnizado mediante conciliación xudicial, conforme dispoñen os artigos 147 e 148 da Lei 15/2015, de Xurisdición Voluntaria.

  O que conleva a desestimación deste primeiro motivo da demanda.

  Distinta sorte ha de correr o segundo e último argumento impugnatorio da recorrente, referido ao carácter preceptivo da autorización ou informe da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, con carácter previo á aprobación do deslinde, por afectar directamente a un Ben de Interese Cultural (BIC). 

 Nos devanditos Fundamentos de Dereito faise constar que o Museo Arqueolóxico (MASAT) situado no referido inmoble, case na cima do [Pico de San Francisco] monte Santa Tegra, foi declarado monumento histórico artístico (BIC) por Decreto do Ministerio de Educación 474/1962, do 1 de marzo (BOE núm. 59, de 09/03/1962). 

 O deslinde xera a segregación da leira rexistral e catastral na que se sitúa en dúas novas fincas. Afecta sen dúbida ao BIC, á súa estrutura parcelaria propiamente dita.

 A segregación en dúas da leira única na que se sitúa unha edificación destas características podería precisar dunha previa autorización urbanística (artigo 150.6 Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia). Desde logo, no que aquí importa, si que require da autorización da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, por incidir directamente na “estrutura parcelaria” dun Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento, tal e como resulta do disposto no artigo 39 Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia.

 Asemade, resulta que o deslinde afecta tamén á estrutura parcelaria da contorna doutro Ben de Interese Cultural monumental moi relevante (Declarado BIC en 1931), como é o “Castro de Santa Tegra”. Existía por iso unha segunda razón imperiosa que obrigaba ao Xurado Provincial a solicitar autorización ou polo menos informe da Consellería de Cultura antes da aprobación definitiva do deslinde. 

 Este defecto de forma é moi relevante, considerándose a finalidade da autorización sectorial omitida: a protección do patrimonio cultural de Galicia, na máxima expresión que representa un ben de interese cultural.

 Finalmente, na parte dispositiva da Sentencia consta:

 1º.- ESTIMAR o recurso contencioso-administrativo interposto pola  Comunidade  Veciñal de Montes en  Man Común de Camposancos contra o acordo do 26 de marzo de 2019 do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra desestimatorio do recurso de reposición presentado fronte ao acordo do 14 de xullo de 2017 que aprobou o deslinde parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e da Guarda, no termo municipal da Guarda (DOG 02/05/2019). 

 2º.- Anular os acordos impugnados, revogándoos e deixándoos sen efecto. 

 3º.- Sen imposición de costas.

 Contra esta Sentencia cabe interpoñer Recurso de Apelación para súa posterior remisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

RESUMO DE ANTECEDENTES

 En relación as discrepancias co deslinde no Monte Trega, Museo Arqueóloxico (MASAT) e súa contorna, José Fernando Martínez Martínez, presidente en funcións da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, vén de referirnos: "Onte día 21 de abril 2020 recibimos a notificación da sentencia nº 64/2020 do Xulgado contencioso-administrativo nº 1 de Pontevedra, que estimando o recurso presentado polo bufete de abogados, en representación da Comunidade de Montes de Camposancos anula o acordo recurrido dándonos a razón a CMVMC de Camposancos.  

 Enumero dunha maneira rápida os antecedentes para que á cidadanía se poida facer unha idea propia. No ano 1991 unha represantación da CMVMC de A Guarda presidida por D. Antonio Cividanes Gómez e dous directivos, e por outra parte, a representación da Comunidades de Montes de Camposancos, presidida por D. Álvaro Martínez Carrero, acompañado polo secretario José Fernando Martínez Martínez e o tesoureiro Juan Lemos Rodriguez, reunidos na Plaza do Mirador de Portugal, do monte Santa Trega, co único punto a definir a cal das comunidade de montes correspondía a titularidade do museo e a súa azotea así como os alpendres do seu baixo. 

 Foi testigo deste acto o avogado de Vigo D. Ricardo Martínez Barros. 

 Nun acto moi breve e amigable, sen discusión de ningún tipo a representación da CMVMC de Santa María de A Guarda recoñece que o edificio do Museo e a sua controna pertenecen a CMVMC de Camposancos. Dicen que pola porta de entrada principal, os accesos conforman unha parte indivisible da Casa Museo e está na propiedade de Camposancos. 

 Recoñecen que os propietarios da Casa Museo do monte Santa Trega é a sua contorna pertenece a CMVMC de Camposancos polo que a CMVMC de Camposancos pode  elevar escritura notarial de obra nova e inscribir esta propiedade no Rexistro da Propiedade, acto que a CMVMC de Camposancos fixo e a continuación. Expúxoo o publico no tabloeiro de anuncios do concello de A Guarda para información pública durante o tempo regulamentario e se puideran facer as alegacións pertinentes si houbera lugar. 

 Extemporáneamente e con argucias de que unha terceira comunidade de montes estaba tratando de reclamar o seu dereito a propiedade de certo territorio no Trega e para deixar os límites esclarecidos, límites sempre aceptados e recoñecidos por ambas as dúas comunidades, decidimos contratar a un topógrafo para que certificase os lindes, que de boa fé os camposinos aceptamos, sin imaxinar o que maquiaban os da CMVMC de A Guarda, que o seu obxetivo era facerse con a propiedade do Museo. E sen demora tan pronto como tiveron a firma ante o Xuiz de Paz de A Guarda recoñocendo os lindes se foron o Xurado Provincial de Montes a recramar que son eles os propietarios da Casa Museo do monte Santa Trega. Diante disto a xunra reitora da CMVMC de Camposancos pedimos unha xuntanza coa xunra reitora da CMVMC de Santa María de A Guarda, acto que tivo lugar no local social da CMVMC de A Guarda, e na que estivemos ademais dos presidentes acompañados de dous directivos cada un. A representación de Camposancos lle pregunta aos de A Guarda que queren saber o que recraman e si hai algún punto de encontro. Respondendo os de A Guarda que queren todo. Lle preguntamos os de Camposancos que é todo, e nos respostan "todo". Ante esta actitude lles dicímoslles que en ese caso tería que ser no xulgado onde se podería resolver o tema. Sin mais nos ausentamos. 

 Puxemos o tema en mans do noso avogado, dende o noso punto de vista o mellor, Bufete Martínez Barros Abogados que foi quen nos representou. 

 Isto efectivamente derivou no Xulgado Contencioso-administrativo nº 1 de Pontevedra, despois de pasar polo Xurado Provincial de clasificasión de Montes ante o que se presentou un recurso, que nos estimou, para que se paralizase de inmediato o procedemento de deslinde, ao obxeto de que a Consellería de Culura intervise nel e adoptase as medidas necesarias.

Agora esta é a sentencia notificada onte día 21 de abril de 2020 polo antes citado Xulgado en data 13 de marzo que estima o recurso presentado polo devandito bufete en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos anulando o acordo recorrido, dándolle a razón a nosa comunidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario