A Xunta de Galicia analiza os efectos do COVID-19 nas artes escénicas e avanza o deseño dun paquete de medidas culturais
O conselleiro Román Rodríguez reuniuse por videoconferencia con Escena Galega, coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia e con representantes de salas privadas e festivais de teatro
Na xuntanza abordáronse a situación e perspectivas de todos estes colectivos e tratáronse a axilidade e a flexibilidade na tramitación de subvencións, a reprogramación de funcións ou as coberturas económicas das empresas e dos autónomos, entre outros asuntos
O Goberno galego xa mantivo contactos con entidades culturais como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e Academia Galega de Belas Artes
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, mantivo unha videoconferencia con representantes do
sector escénico galego
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, mantivo unha videoconferencia con representantes do
sector escénico galego para analizar a situación derivada do COVID-19 e
avanzar nas accións específicas que a Xunta de Galicia está a deseñar
para minimizar os efectos da crise sanitaria neste colectivo.
Seguindo
a dinámica de anteriores encontros sectoriais, nos que a Consellería
convocou xuntanzas similares para afondar nas consecuencias do actual
estado de alarma na música, no audiovisual ou no libro, desta volta a
reunión centrouse nas especiais particularidades laborais e artísticas
do teatro, a danza, a maxia e o novo circo.
Participaron nela Juan
Rodríguez, presidente da asociación de compañías Escena Galega; Mónica
García e Alberto Blanco, por parte da Asociación de Actores e Actrices
de Galicia, así como Pedro Fresneda, de Teatro Ensalle, e Alberto
Sueiro, do Festival Outono de Teatro de Carballo, estes dous últimos
para achegar unha visión sobre os espazos privados de exhibición
escénica e dos certames, mostras ou festivais que tamén se están a ver
prexudicados polos peches de recintos e polas suspensións de eventos.
Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, pola Xunta interviñeron o
director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo;o director da
Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do
Centro Dramático Galego, Fran Núñez.
Liquidez e mantemento de funcións
Entre
as cuestións tratadas, Román Rodríguez marcou como prioridade dotar de
liquidez as compañías, para o que se axilizarán todo o posible os
pagamentos das subvencións á creación escénica 2019-2020 e se están a
preparar novas medidas de apoio que serán concretadas ao remate o estado
de alerta. Estas accións terán en conta os documentos de traballo xa
trasladados á Xunta por parte de distintos colectivos do sector, como os
dous informes realizados por Escena Galega, entre outros. Neste
sentido, prestarase atención tanto ás demandas de políticas que
fortalezan o tecido produtivo como ás que incentiven o consumo cultural.
Ademais,
nos casos de actuacións suspendidas con contratación compartida entre a
Xunta e as entidades locais, como as da Rede Galega de Teatros e
Auditorios, o obxectivo é flexibilizar a normativa vixente para
facilitar ao máximo a reprogramación de funcións, prioritariamente xa no
segundo semestre deste ano, coa finalidade de recuperar canto antes
todas as citas previstas e executar por completo o orzamento anual
adxudicado a este circuíto profesional de espectáculos.
Este mesmo
compromiso aplícase ás coproducións de espectáculos e residencias
artísticas do Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego, que
manterán os contidos das súas carteleiras mediante novas asignacións de
datas para todos os proxectos en curso.
Rolda de contactos
Este
encontro enmárcase nunha rolda de contactos que o titular da
Consellería de Cultura de Turismo está a manter con diferentes sectores
culturais de Galicia como o do libro ou do audiovisual. Neste sentido,
Román Rodríguez abordou con representantes de ambos sectores os efectos
da crise sanitaria, ao tempo que se avanzou no deseño dun paquete de
medidas específicas.
Neste mesmo marco, o conselleiro tamén estivo
en contacto cos representantes das principais entidades culturais da
nosa Comunidade. Así, reuniuse cos presidentes da Real Academia Galega,
co Consello da Cultura Galega e da Academia Galega de Belas Artes para
avaliar o impacto da crise provocada polo COVID-19 e iniciar unha
estratexia de traballo que permita establecer as liñas prioritarias de
axuda ao sector cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario