A Xunta de Galicia reparte a práctica totalidade dos ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos
Xa están entregados nos centros o 99% dos equipos e o 1% restante será recepcionado á volta das vacacións de Semana Santa de acordo coas direccións dos centros
O equipamento distribuíuse en todos os centros públicos galegos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, que se encargan de entregalos ás familias
Cada centro recibiu tres portátiles, que van equipados cun router WIFI e conectividade 4G gratuíta, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange
Infogauda / Galicia
A Xunta entregou en menos dunha semana a
práctica totalidade dos 1.000 portátiles con conexións a Internet
gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos
cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación
Profesional. A entrega dos restantes completarase a volta das vacacións
escolares de Semana Santa ante a petición dos propios centros. Esta
medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración
cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a
conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o
seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.
Os
portátiles entréganse ás familias a través dos seus centros de ensino,
grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta
previamente para pechar a entrega do equipamento. Todos os centros
públicos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou
Formación Profesional recibiron tres equipos con conectividade, que
distribúen entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica,
priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da
ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan
nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.
Triplícase o uso das plataformas en liña
A
dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo
en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade
educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos
docentes a pasada semana dunha plataforma de videoconferencia que
permitiu na primeira semana activa máis de 30.000 reunións virtuais, nas
que participaron máis de 100.000 docentes e alumnos.
Ademais,
desde o 30 de marzo os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal:
aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos
aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que
se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.
Por outra banda, as
plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega
incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria
en Galicia. Ata o 4 de abril, último día lectivo aplicación
abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media
diaria antes da crise, a semana pasada rexistrouse diariamente máis de
80.000 usuarios, chegando a máis de 217.000 o venres.
Tamén as
Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando
duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar
máis de 58.000 ao comezo da semana pasada, triplicando tamén o uso da
plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres
millóns. Na plataforma de E-Dixgal rexistráronse incrementos de uso
diario entre o 90% e o 110% sobre os habituais anteriormente.
Videotitoriais para os docentes
Para
facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles
para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal
educativo, https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais) como na canle do espazoAbalar en Youtube (https://www.youtube.com/espazoAbalar),
nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais
dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o
sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas
familias.
A día de hoxe están dispoñibles oito videotitoriais
sobre as cuestións máis demandadas: cinco sobre o uso das aulas virtuais
por parte do profesorado; 2 sobre o uso do servizo de videoconferencia
por parte do profesorado e do alumnado e un sobre o uso do servizo de
comunicación ás familias e alumnado por parte do profesorado.
Nestes
dez días que levan dispoñibles, os videotitoriais recibiron unhas
14.000 visualizacións, destacando o de uso do servizo de
videoconferencia por parte do profesorado con máis de 4.100
visualizacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario