Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
QUE PODEN FACER AS TÉCNICAS DE ANÁLISE NON DESTRUTIVA POLA RESTAURACIÓN E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO?
Martes, 17 de marzo de 2020 ás 16:45 horas no Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega / Santiago de Compostela
A restauración-conservación é unha disciplina que foi evolucionando ao abeiro dos avances tecnolóxicos, dende os seus inicios até a actualidade, e na que as novas tecnoloxías revelan detalles moi minuciosos das obras de arte. O desenvolvemento tecnolóxico serve na restauración ao afondar no coñecemento das obras e, así, formular novas estratexias e sistemas de intervención que reverten nunha mellor conservación dos bens culturais e patrimoniais. Hoxe en día non se entende a restauraciónconservación do patrimonio sen a realización dunha análise científica previa da obra en cuestión.
As metodoloxías científicas existentes na actualidade son diversas pero moitas adoitan ter un carácter destrutivo que imposibilita o seu uso sobre os bens culturais. A concienciación do carácter destrutivo da toma de mostra impulsou o desenvolvemento de tecnoloxías non destrutivas que evitan este proceso. Dende o simple exame organoléptico até o uso de todo tipo de radiacións do espectro electromagnético para analizar as obras e, ao mesmo tempo, manter a súa integridade e valor cultural, foi un longo camiño que está a dar o seu froito no desenvolvemento de equipos portátiles que permiten ademais realizar os estudos a pé de obra.
A medida cuantitativa da composición química e da cor mediante espectrofotómetro de reflexión e espectroscopia de fluorescencia de raios X portátiles, a medida de humidade a distintas profundidades nas paredes de edificacións mediante sondas de humidade por microondas sen perforación ou a monitorización da colonización biolóxica de superficies mediante fluorómetro portátil son exemplos do uso dalgunhas destas técnicas. O obxectivo deste encontro é mostrar, a través de casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, a súa clara contribución tanto ao coñecemento e investigación no eido do patrimonio cultural como ao proxecto de conservación-restauración-rehabilitación, e debater arredor desta práctica coas persoas participantes.
Programa
16:45 horas
Presentación
17:00 horas
Monitorización do patrimonio: cando as tecnoloxías portátiles axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización biolóxica
Beatriz Prieto Lamas, Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela
17:40 horas
A cor e o patrimonio: casos prácticos dentro e fóra de Galicia
Patricia Sanmartín Sánchez, GEMAP-USC
18:20 horas
Revelando a composición do patrimonio cultural inmoble. Fluorescencia de raios X portátil, unha ferramenta indispensable
Daniel Vázquez Nion, GEMAP-USC
Organiza
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG) Consello da Cultura Galega
Coordina
Beatriz Prieto Lamas
Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
Inscrición
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia ao encontro. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.
Máis información
www.consellodacultura.gal difusion@consellodacultura.gal Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
19:00 horas Debate co público
Ningún comentario:
Publicar un comentario