O Museo de Pontevedra abre este xoves a mostra ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustracións'
A mostra acolle por primeira vez as creacións de 40 ilustradoras dende finais do século XIX ata o 1990
Cartel da exposición ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración'
Fonte: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra abrirá este xoves 12 de marzo, ás 19:30 horas, a exposición ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración', unha mostra que recolle as creacións das principais ilustradoras que traballaron para as publicaciones Blanco y Negro e ABC dende a súa fundación, facendo referencia ao aclamado I Salón de Debuxantas que tivo lugar no Lyceum Club Femenino en 1931.
A exposición, froito dun vasto traballo de investigación e documentación, recolle un total de preto de 130 obras de 40 ilustradoras, que van desde as pioneiras de finais do século XIX ata as máis modernas da década de 1990. Unha crónica visual de cen anos da man das grandes artistas da Colección ABC; desde atc (Ángeles Torner Cervera), Piti Bartolozzi, Maruja Mallo e Marga Gil Roësset ata Coti (Lucrecia Martínez Feduchi) ou Mar Ferrero.
A mostra, de feito, deixa patente o rol decisivo que as dúas publicacións tiveron na profesionalización da ilustración, así como a oportunidade que supuxo para cada unha das mulleres realizar un traballo digno, remunerado e recoñecido.
As comisarias da mostra, Marta González Orbegozo e Xosefina Alix, pretenden por unha banda dar luz sobre a traxectoria e vida das artistas seleccionadas amosando as súas obras ao público e servindo como punto de partida para liñas de investigación futuras que teñan como obxectivo resituar a valiosa achega de todas elas ao mundo da ilustración e a arte. Por outra parte, a través da mirada das ilustradoras, aprécianse aspectos variados e interesantes da vida social e cultural das épocas sociais das que foron testemuñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario