11 de mar. de 2020

GALICIA

O titular do Goberno galego presidiu na tarde de onte a reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes 

Feijóo traslada as medidas acordadas na Comisión Interdepartamental centradas na prevención para conter o contaxio do coronavirus  

“Na comisión de hoxe analizamos cos distintos departamentos as medidas que pensamos que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia”, di

        Foto: X.G.

Afirma que a Comunidade seguirá en alerta, pendente da evolución do virus, e precisa que, na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos  

Asegura que o Goberno galego seguirá informando con rigor e con transparencia e agradece o traballo de todo o persoal sanitario, así como a comprensión da cidadanía

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou onte as medidas acordadas na reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes, centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19.  

 “Na comisión de hoxe [por onte martes] analizamos cos distintos departamentos as medidas que pensamos que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia”, dixo, referíndose, en primeiro lugar, á limitación dunha persoa por visita a cada paciente ingresado nos hospitais galegos, e a unha persoa por visita a cada maior ingresado nunha residencia da terceira idade.  

 Así mesmo, comunicou a suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores médicos e farmacéuticos, ou representantes comerciais de empresas salvo nos casos estritamente necesarios para o correcto funcionamento do centro –como puidera ser levar a cabo un plan de instalación ou formación no manexo dun novo equipo, debendo nestes casos axustarse ao menor número posible de persoas-.  

 Do mesmo xeito, destacou a suspensión das actividades de voluntarios ou similares nos centros sanitarios; “e promoveranse os sistemas de consulta telefónica, as consultas telefónicas ao 061 ou ao centro de saúde, para evitar desprazamentos aos centros de saúde ou aos hospitais”, engadiu.  

 No tocante á limitación de aforos, Feijóo asegurou que por criterios de prudencia limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados. Se ben, aseverou que estas e outras medidas serán debulladas polo miúdo nas vindeiras reunións así como no Consello da Xunta.  

 “En definitiva, estamos a falar dunhas medidas que buscan evitar os contaxios”, afirmou, incidindo en que a prevención do virus é unha directriz que o Servizo Galego de Saúde, as autoridades sanitarias en Galicia e o propio Goberno autonómico considerarán como un piar básico das súas políticas actuais e futuras. 

 Ao respecto, lembrou a advertencia da Unión Europea, centrada no obxectivo de conter a propagación deste virus.  Ao longo da rolda de prensa, Feijóo afirmou que a Comunidade seguirá en alerta, pendente da evolución do virus, precisando que, na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos.  

 Logo de aseverar que Galicia trasladará estas medidas ao Consello Interterritorial, “desde a absoluta lealdade”, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención recordando que o conselleiro de Sanidade informou a todos os líderes políticos, con ou sen representación parlamentaria, que se presentan ás eleccións autonómicas. Ademais, Feijóo lembrou a conversa mantida no día de onte co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, quen agradeceu a lealdade, a coordinación e a boa práctica do Servizo Galego de Saúde.  

 “E seguiremos informando con rigor e con transparencia a toda a cidadanía”, asegurou, agradecendo o traballo de todo o persoal sanitario da Comunidade, así como a comprensión da cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario