A XUNTA DE GALICIA PON Á DISPOSICIÓN DA
CIDADANÍA RECURSOS CULTURAIS EN LIÑA
DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA COA campaña #ACULTURASEGUE
·
O Goberno galego ofrece durante o estado de alarma unha variada oferta
de actividades no eido dixital a través de máis dunha vintena de
dotacións
· Os
museos, centros de interpretación, bibliotecas ou arquivos xestionados
polo Goberno galego potencian os seus recursos e materiais na rede
· É
posible realizar percorridos 360º en monumentos como os mosteiros de
Carboeiro, San Xoán de Poio, Santa María de Oia ou Santa María de
Aciveiro
Na imaxe, vista do campanario da igrexa parroquial de Santa María de Oia, desde o primeiro andar do claustro do mosteiro cisterciense
Foto: Infogauda
Foto: Infogauda
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros
dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón durante este período de
confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en
rede na provincia de Pontevedra. Trátase de propostas pensadas para toda a
familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue nos portais e
redes sociais de máis dunha vintena de
dotación como museos, bibliotecas ou arquivos, entre outros. Con esta etiqueta,
o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos
nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.
Dentro desta
programación destacan as visitas e percorridos en 360º que se ofrecen desde a
páxina web de Turismo
de Galicia e que permiten coñecer, sen saír da casa, preto de 15 conxuntos
monumentais da provincia de Pontevedra, así como a Catedral
de Tui, un dos bens de interese cultural máis importantes do Camiño
Portugués. Grazas a este recurso tamén é posible visitar unha ducia de
mosteiros na provincia, entre os que se inclúe, por exemplo, San
Xoán de Poio, Santa
María de Oia, Vista
Alegre, San
Diego de Canedo, San
Lourenzo de Carboeiro ou Santa
María de Aciveiro.
Cómpre
destacar tamén a posibilidade de visitar a través de distintos soportes algúns
dos exemplos da riqueza patrimonial de Galicia como supoñen os complexos
monumentais como o do mosteiro da Concepción
Santa Clara (As Encerradas), o da Visitación
para Las Salesas Reales, de Vilavella, San
Salvador de Camanzo, Santa
María de Armenteira ou o mosteiro de San
Pedro de Tenorio. Outros monumentos visitables grazas a este recurso son San
Salvador de Lérez, Santo
Domingo, San
Francisco, Santa
Clara ou o convento das Benedictinas
de Cuntis.
Máis de 4.500 títulos en GaliciaLe
Paralelamente,
aínda que tanto o Arquivo
Histórico Provincial como as bibliotecas xestionadas pola Xunta, a de Pontevedra e a de Vigo, non están abertas, seguen
a ofrecer variados recursos e materiais de entretemento a través da súa páxina
web e redes sociais. Nestas dotacións, ademais de consultar os fondos
dispoñibles online, é posible obter préstamos dixitais, sen necesidade de
dispoñer de carnet da biblioteca, a través de GaliciaLe, a
plataforma de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500
títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en
inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís,
xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300
audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou
documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario
rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha
biblioteca pública galega.
No interior dos museos
Outra boa
opción de actividades de lecer son as que ofrecen os museos e que nalgúns
casos, como acontece no Museo Massó,
inclúe un percorrido completo polas salas expositivas para contemplar as obras
expostas como se se estivera no interior, con información complementaria. O
museo de Bueu conta tamén cunha oferta de audiovisuais para difundir o legado
do mar.
O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro,
pola súa banda, ofrece a través da súa páxina web diferentes imaxes e recursos
que permiten afondar no patrimonio cultural e paisaxístico a través dalgúns dos
máis fermosos e significativos petróglifos de Galicia.
A oferta
complétase co Museo do Mar de Galicia,
un espazo para coñecer a influencia da actividade pesqueira, das embarcacións e
da bioloxía mariña no desenvolvemento da nosa Comunidade que durante a crise do
coronavirus continúa operativo a través de internet. Neste centro museístico
está exposto o Naomh Gobnait, a
embarcación tradicional irlandesa que foi utilizada por un grupo de amigos para
peregrinar desde Dublín e cuxa historia se pode coñecer a través de O Camiño
por mar, un dos proxectos incluídos en O teu Xacobeo.
Estrea
da Bibliografía Xacobea
Como novidade para todas as persoas de Lugo curiosas
polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía
Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores,
filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do
mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web
monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de
congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as
actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de
Expertos do Camiño de Santiago.
Medrar en galego
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da
lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega.
Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da
casa, como os audiovisuais infantís As
miñas primeiras Letras Galegas ou Os
Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes
ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun
mar azul ou No
colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e
propostas de diferentes
xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até
materiais para imprimir e recursos interactivos. Así mesmo, dispón de audiovisuais
e recursos que se poden empregar para un mellor coñecemento, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar
múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.
#aculturasegue
A iniciativa
#aculturasegue pretende recoñecer, no medio desta difícil situación, o papel
sobresaínte que os nosos creadores, axentes e dotacións culturais tiveron e
teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio
dixital de calidade e plural no fogar, que propicien a consolidación de bos
hábitos e prácticas culturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario