O MUSEO DE PONTEVEDRA LANZA A INICIATIVA ‘O MUSEO EN FAMILIA’ PARA ANIMAR A NENAS E NENOS A REALIZAR ACTIVIDADES FORMATIVAS E DE LECER NA CASA
· Na web museo.depo.gal pódense descargar obradoiros relacionados coa exposición de Leopoldo Nóvoa ea faceta teatral de Castelao
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra vén de lanzar a iniciativa ‘O Museo en Familia’ para animar a nenas e nenas a realizar actividades formativas e de lecer na casa. No día de hoxe colgáronse na páxina web museo.depo.gal os primeiros explicativos para realizar obradoiros relacionados con Castelao, así como tamén coa exposición vixente –pero pechada ao público- de Leopoldo Nóvoa.
Esta iniciativa xurde para manter a tarefa divulgativa do Museo durante a etapa de confinamento marcada polo estado de alarma polo COVID-19, facilitando alternativas educativas dende un punto de vista lúdico. Na súa elaboración participaron tanto a equipa educativa do Museo –responsable de todas as actividades propias con crianzas e adultos-, así como o departamento de Publicacións e da páxina web. A intención é ir colgando novos contidos periodicamente cos seus respectivos explicativos sobre instrucións e materiais en formato descargable.
A primeira das actividades ten como título ‘Fai o teu monicreque!’, e consiste en elaborar un monicreque con materiais moi sinxelos para poder realizar logo unha pequena obra de teatro en familia. Esta proposta, que nace dunha parella nos obradoiros de Entroido realizados presencialmente nas instalacións do Museo, está inspirada na faceta como escenógrafo e autor de teatro de Castelao.
A segunda das propostas –‘Pinta con Nóvoa’- está centrada no pintor pontevedrés Leopoldo Nóvoa. O obxectivo é que as e os escolares se acheguen á súa obra a través de dúas das obras que pintou en Bos Aires no ano 1952, conservadas na colección do propio Museo, e que teñen a singularidade de que etán pintadas sobre unha mesma tea, deixando unha oculta cando se expón a outra. Nos descargables amósanse eses dous debuxos delas pero sencor para que pequenas e pequenos poidan colorear, recortar ou mesmo facer en colaxe. Por outra banda, outra actividade –‘Orixinal ou copia? Busca as diferenzas!’- é comparar as imaxes dos cadros orixinais e unhas copias deles para que achen dez diferenzas en cada unha.
Estas actividades para crianzas do Museo van da man de outras iniciativas destinadas ao público adulto coa difusión a través de redes sociais dos contidos do Museo. Hai que lembrar que diariamente o Facebook do Museo –que conta con máis de 12.000 seguidores e contido aberto-, publica diariamente varios apuntamentos con información sobre as exposicións permanentes e temporais do Museo.
A súa singularidade é que a maneira de amosar as pezas e obras faise a través de fotografías en 360º comentadas. Son imaxes que se poden virar, o que permite á persoa que as ve facerse unha idea de como é cada sala ou a ubicación das moitas pezas existentes no seu interior, acompañadas dunha breve explicación. Polas mañás esta proposta faise coa colección permanente e pola tarde publícanse post con vídeos, fotos de formato tradicional e imaxes en 360º, pero xa centrados nas exposicións temporais de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019’ e ‘Debuxantas’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario