18 de feb. de 2020

BAIONA

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e os representantes dos comerciantes da vila, analizaron hoxe as novas liñas de transporte público 

A Xunta de Galicia e a Asociación de Comerciantes de Baiona acordan reforzar as conexións de autobús co Campus Universitario de Vigo mediante os novos contratos de transporte público  

O obxectivo é facilitar que os estudantes residentes en Baiona aposten polo transporte público aproveitando a recente ampliación da tarxeta ‘Xente Nova’ que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos


A conselleira e os comerciantes conveñen a necesidade de adaptar os horarios das expedicións da liña A Guarda-Vigo, con parada no CUVI, aos horarios universitarios e de analizar a posibilidade de habilitar máis paradas no campus  

Comprométese a analizar a inclusión dunha parada nas instalacións universitarias tamén na outra liña proxectada para conectar o Val Miñor co Hospital Álvaro Cunqueiro e incrementar así as frecuencias para estudantes

Infogauda / Baiona

 A Xunta de Galicia e a Asociación de Comerciantes de Baiona acordaron reforzar as conexións de autobús entre a vila e o Campus Universitario de Vigo a través dos novos contratos de transporte público.  

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e representantes da Asociación de Comerciantes de Baiona abordaron nunha xuntanza de traballo as novas liñas de autobús que darán servizo á comarca do Val Miñor e que introducirán, por primeira vez, conexións directas entre esta vila e o campus da Universidade de Vigo.  

 A Xunta e os comerciantes coincidiron na oportunidade que representa esta situación para fomentar o uso do transporte público entre os estudantes que residan en Baiona, máis aínda tendo en conta a recente ampliación da cobertura da tarxeta ‘Xente Nova’ que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos.  

 A conselleira explicou que os contratos da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia se atopan actualmente en fase de contratación, polo que existe a marxe suficiente para poder introducir axustes e melloras.  

 Así, na xuntanza conviñeron na conveniencia de adaptar os horarios universitarios as expedicións da liña comunicará A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, o CUVI, o Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e a estación de autobuses de Vigo.  

 Trasladoulles aos representantes da asociación que os horarios desta liña se adaptarán co fin de prestar un servizo útil aos estudantes que se dirixen ao campus universitario, facilitando a entrada e saída aos centros. Ademais, analizarase a posibilidade de introducir nesta liña máis paradas no campus universitario para mellorar o servizo dos viaxeiros.  

 Tamén se comprometeu coa asociación a analizar na outra liña de autobús que conecta o Val Miñor co Hospital Álvaro Cunqueiro unha parada no campus, ao resultar de utilidade esta expedición para os desprazamentos dos estudantes.  

 Debido a que o concello de Baiona está integrado no Plan de transporte metropolitano desde o ano 2015, todos os menores de 21 anos que viaxen desde a localidade disfrutan xa do autobús interurbano gratuíto grazas á tarxeta ‘Xente Nova’, cuxo uso se estenderá ao longo deste ano ao conxunto de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario