18 de feb. de 2020

PATRIMONIO

A Deputación de Pontevedra coloca en Cerponzóns unha escultura da Escola de Cantería a semellenza do Miliario de Magnencio  

A peza escultórica elaborada polo alumnado da Escola de Cantería está inspirada no Miliario da vía romana XIX

A escultura, elaborada polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación e valorada en 2.506,10 euros, trátase dunha réplica do miliario orixinal
Foto: D.PO.


Infogauda / Cerponzóns

 A Deputación de Pontevedra fixo entrega hoxe martes 18 de febreiro da escultura do Miliario de Magnencio, peza elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra a petición da Asociación de Veciños e Veciñas O Chedeiro, de Cerponzóns.  

 A peza artística foi construída co propósito de sinalizar o miliario aparecido na parroquia de Cerponzóns. Concretamente estamos a falar do Miliario de Magnencio, que actualmente atópase no Museo de Pontevedra, onde chegou en 1938. O Miliario de Magnencio está datado entre o ano 350 e o 353, dado o seu lugar de aparición debía corresponder coa milla 93 desde Lugo da vía romana XIX.  

 Máis polo miúdo, a escultura, elaborada polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación e valorada en 2.506,10 euros, trátase dunha réplica do miliario orixinal, cunhas dimensións de 1,05m de alto e 0,50m de diámetro. Está incrustado nunha peza de base de 1m de largo por 0,70m de ancho e 0,65m de alto e leva unha lenda similar á do orixinal e unha placa cunha lenda indicativa da vía e da milla romana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario