27 de feb. de 2020

A GUARDA

O Instituto Social da Marina e a Capitanía Marítima confirman o mantemento dos seus servizos na vila guardesa

• Diante da alarma provocada polo BNG guardés nos medios de comunicación denunciando o peche das oficinas, o alcalde guardés, Antonio Lomba Baz, mantivo contactos cos representantes das institucións que confirman a continuidade dos servizos

O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz - a esquerda da imaxe - reuniuse con representantes das diferentes organzacións pesqueiras da localidade
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Diante da alarma provocada polo BNG guardés nos medios de comunicación denunciando o peche das oficinas, o Grupo de Goberno Municipal, ven de facer público no día de hoxe, xoves 27 de febreiro de 2020, que "o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba, púxose en contacto con Rosa Alonso, directora provincial do Instituto Social da Marina (ISM) en Vigo, para coñecer de primeira man a situación presente e futura da oficina na Guarda. 

 A directora confirmoulle ao alcalde a continuidade na prestacións dos servizos e comunicoulle, que por parte do ISM, non está previsto nin o peche nin a redución de persoal na oficina da Guarda. Segundo a directora, a redución horaria que se está a producir estas últimas semanas é provisional. 

 Das tres persoas que deberían estar traballando na Guarda unha delas atópase de baixa por enfermidade e hai dúas prazas pendentes de ser cubertas por concurso de traslados. Unha destas prazas cubrirase de forma eventual, a maior brevidade posible, por unha comisión de servizos que xa está aprobada". 

 "Por outra banda - segundo indicaron desde o executivo municipal - o alcalde tamén mantivo contactos con Juan José Escolar, Capitán Marítimo de Vigo, para coñecer as previsións sobre o futuro da oficina da Guarda. O responsable da Capitanía Marítima asegurou que a previsión é a de seguir prestando o servizo cada 15 días como se ven facendo na actualidade". 

 As referidas fontes do Goberno Local, tamén referiron: "Estes temas foron tratados nunha reunión informativa entre Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda, Mª Monserrat Magallanes Álvarez, tenente de alcalde, e responsables das organizacións guardesas vinculadas ao mundo da pesca: Organización de Palangreros Guardeses (OR.PA.GU.), Asociación Empresarial de Espaderos Guardeses e a Confraría de Pescadores Santa Tecla. As conclusións da reunión foron as de facer unha comunicación para tranquilizar aos usuarios sobre a continuidade dos servizos e a necesidade de solicitar unha ampliación da atención da Capitanía Marítima na localidade. 

 O alcalde adquiriu o compromiso de poñerse en contacto coa Dirección General de la Marina Mercante para motivar e solicitar unha ampliación da cobertura da oficina da Capitanía Marítima na Guarda".

Ningún comentario:

Publicar un comentario