Cangas acolle Disorders, unha exposición artística colaborativa sobre saúde mental
• A mostra, que estará na Casa da Bola, en Cangas, do 28 de febreiro ao 27 de marzo, conta con 14 cadros realizados por pintores e ilustradores con problemas de saúde mental de diversos lugares de Galicia.
• A exposición forma parte do proxecto Fear of Missing Out, unha iniciativa artística multidisciplinar sobre saúde mental.
Ana Escrigas Rodríguez / Cangas do Morrazo
Fai catro anos, Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.
A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a exposición que agora visita Cangas do Morrazo.
Deste xeito, a sala de exposicións da asociación ADICAM, na Casa da Bola (Rúa Valentín Losada nº1 1º), acollerá, do 28 de febreiro ao 27 de marzo, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son os autores dos cadros que compoñen esta mostra.
O acto de inauguración terá lugar mañá, venres 28 de febreiro, ás 12h na propia Casa da Bola, onde intervirán representantes de Saúde Mental FEAFES Galicia e algún dos autores dos cadros da exposición, que estarán acompañados por persoas usuarias, traballadoras e familias da asociación DOA Saúde Mental. As vindeiras semanas, a exposición poderá visitarse polas mañás de luns a venres de 11h a 13h e polas tardes os luns e os martes de 17h a 19h.
As obras que compoñen esta mostra ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado dende a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. As obras están realizadas en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, dende óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.
O obxectivo deste proxecto é achegar un grao de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental, un tema tabú que esta iniciativa pretende sacar á luz con normalidade, respecto, e empatía. A exposición tamén busca amosar as capacidades artísticas destas persoas, para o cal xa percorreu outras localidades galegas como A Coruña, Compostela, Cervo, Mos ou Brión.
Os problemas de saúde mental, unha realidade invisible
Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. A pesar da súa enorme prevalencia, os problemas de saúde mental son moi pouco coñecidos e existe un gran estigma arredor das persoas que os padecen.
Por iso, é fundamental dar a coñecer a realidade da saúde mental e facelo dende unha perspectiva normalizadora, integradora e positiva. Amosar as capacidades e as habilidades das persoas con problemas de saúde mental axuda a desterrar mitos e derrubar barreiras, creando unha sociedade máis acolledora onde se valore a riqueza da diversidade.
Saúde Mental FEAFES Galicia
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. O seu obxectivo principal é a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.
DOA Saúde Mental
A asociación DOA Saúde Mental naceu en 1987 para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, defender os seus dereitos e representar aos seus asociados. Conta con centros en Vigo e Cangas, traballando en torno a un modelo de atención de base comunitaria e xerando mecanismos de normalización. DOA Saúde Mental é unha entidade de acollida, apoio, autoaxuda, atención e representación das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, preocupada por proxectar interna e externamente un discurso normalizador sobre esta realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario