O BNG instará na Xunta de Portavoces do Concello da Guarda a esixir o restablecemento do horario do ISM e da Capitanía Marítima
Anxo Lois Vicente Baz (portavoz municipal do BNG): “Agardo que o alcalde sexa capaz de situarse do lado do sector pesqueiro guardés”
Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, diante da porta da delegación local do ISM, na vila guardesa
Infogauda / A Guarda
Logo de amosar súa inquedanza en relación á dotación de personal na delegación local do Instituto Social da Mariña (ISM) e aos días de atención ao público da Capitanía Marítima de A Guarda, asuntos ambos sobor dos cales o concelleiro nacionalista Anxo Lois Baz Vicente alertara en datas recentes; no día de hoxe, venres 28 de febreiro de 2020, o portavoz municipal do BNG no Concello guardés, ven de facer público que “o próximo luns día 2 de marzo celebrarase, a instancias do BNG, unha reunión dos portavoces municipais do Concello para, da man do sector pesqueiro, esixir do ISM o restablecemento do cadro de persoal da oficina da Guarda. Na actualidade a falta de persoal leva a un funcionamento irregular da oficina como coñecen perfectamente os seus usuarios.
Outro tanto ocorre co servizo de Capitanía Marítima tras o pasamento do seu titular que pasou de estar operativa todos os días a un só día á semana”.
Diante deses feitos, o portavoz municipal do BNG afirma: “Estamos sorprendidos coas declaracións do alcalde a un medio de comunicación local no que acusa ao BNG de crear alarma con este tema”.
Por ese motivo, os nacionalistas non dubidan en aportar os seguintes datos: “A praza de directora do ISM está valeira dende setembro de 2018, asumindo a carga de traballo a administrativa, acompañada do conserxe. Hai que engadir que a administrativa solicitou o seu traslado en marzo e confirmación da marcha dende novembro do 2019”.
Asemade, Anxo Lois Baz relembra: “Hai dous anos que a corporación municipal de forma unánime pedía a reposición do servicio en horario natural da Capitanía sen ter resposta favorable algunha, nun servizo que vai en deterioro paulatino”.
Logo do expresado anteriormente, o portavoz municipal do BNG conclúe co seguinte reto: “Agardo que ao final o alcalde da Guarda sexa capaz de situarse do lado do sector pesqueiro guardés e non de apaga-lumes da Administración Central nunha actitude partidista”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario