O BNG de Tui apoia a manifestación nacional do vindeiro 1 de Marzo en Verín
Así como a conmemoración do día 8 de Marzo baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”
Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui
Infogauda / Tui
“O BNG de Tui apoia as mobilizacións que terán lugar ao longo deste mes de Marzo, comezando pola manifestación nacional deste día 1 en Verín e continuando polas numerosas convocatorias locais e comarcais da propia xornada do 8 de Marzo”. Así o vén de afirmar Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui.
Como adianta Carme Núñez, “o feminismo galego sairá ás rúas a fin de mudar as políticas cara a unha igualdade real rematando así coas desigualdades tanto salariais como no campo das pensións de xubilación. Demandaranse recursos para a loita contra a precarización dos servizos públicos, como é o caso do Servizo de Axuda no fogar, altamente feminizado. As reivindicacións incidirán especialmente na situación dos coidados que afecta á vida de moitas mulleres”.
“En definitiva, reclamaranse gobernos feministas comprometidos, que apliquen políticas a prol da igualdade real e en contra da discriminación de xénero”. Neste senso, a portavoz municipal, Carme Núñez, considera que “os gobernos están a contribuir no empeoramento das condicións de vida das mulleres e temos que dar un paso adiante a este respecto, comezar a mudar as cousas desde as localidades é un deber”. Núñez crítica tamén “o carácter bimensual dos plenos en Tui” e apénase “por non ter podido presentar esta moción no seu debido momento que de ter tido plenos mensuais correspondería ao de onte, día 27 de Febreiro”. Polo momento terán que agardar ao 26 de Marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario