17 de feb. de 2020

A GUARDA

“Falemos do Camiño” 

Unha iniciativa para dar a coñecer o legado do Camiño Portugués da Costa a veciños e visitantes 

Participantes da segunda andaina guiada escoitan ao guía a carón da fonte-lavadoiro do Aloque, en Camposancos
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O pasado sábado día 15 de febreiro realizouse na Guarda a segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.

Manuel Javier Crespo González informa ás persoas participantes da andaina, do patrimonio que veciños e visitantes podemos ollar no Camiño Portugués pola Costa, a seu paso pola nosa localidade


 Consistiu nunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada en Galicia dos peregrinos que fan a ruta xacobea do Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no barrio de Ribadavila. 

 Manuel Javier Crespo González, profesor de Historia do IES A Sangriña e ex-concelleiro de Patrimonio, fixo de guía amosando a pegada xacobea agochada no patrimonio, a arquitectura e a paisaxe, ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.

 Esta andaina, continúa co ciclo de xornadas que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorreron o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e a problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. 

 Desta volta a actividade “Falemos do camiño” amosa o camiño xacobeo dende diferentes perspectivas convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais. 

 A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.   

Máis actividades

«O Camiño Aguárdate» continuará na nosa vila o vindeiro 13 de marzo ás 20:00h na Casa dos Alonso, coa xornada divulgativa “O Camiño como produto cultural e turístico: oportunidades no desenvolvemento local”, que contará coa participación de Xosé Manuel Santos Solla, da Universidade de Santiago de Compostela e emprendedores locais en torno ao camiño.

 O obxectivo desta xornada é o de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución, así coma atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila. 

 O 27 de marzo ás 20:30h no Centro San Xerome continuarán as actividades cunha conferencia titulada “O Camiño como forma diferente de viaxar: motivacións e experiencias”, na que se contará coa proxección do documental Santiago´s Way e rematará cunha charla-coloquio entre os asistentes.  

 O ciclo de “Falemos no Camiño” rematará o 17 de abril. Nesa data, ás 20:30h no Centro Cultural da vila, haberá unha conferencia titulada “Unha mirada histórica sobre o Camiño Portugués  da Costa”, que contará coa asistencia de Grato Ernesto Amor Moreno, membro da Asociación Amigos dos Pazos, e de Ermelindo Casimiro Portela Silva, catedrático da Facultade de Xeografía e Historia (Departamento de Historia), da Universidade de Santiago de Compostela.

Visitas teatralizadas

 Asemade haberá visitas teatralizadas, na que misturaranse a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar. 

 Os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020, será actores e atrices da compañía Os Quinquilláns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario