A ‘Subida do Arco’, pistoletazo de saída da Festa da Saúde e San Brais esta fin de semana
San Xoán de Tabagón celebrará esta festa do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro
Infogauda / O Rosal
A tradicional ‘Subida do Artístico Arco de Tabagón’ dará esta fin de semana o pistoletazo de saída aos tres días de actividades, música e tradicións da Festa da Saúde e San Brais. Do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, San Xoán de Tabagón será o epicentro da festa, que comezará xa o venres cunha gran tirada de fogo graneado (13:00 h) e coa Treboada Virxe do Alivio (16:00 h).
Será o preludio dun dos pratos fortes da festa: a Subida do Arco (18:00 h). Veciñas e veciños reuniranse arredor deste ‘maio’ - deseñado por Ángel Pérez Álvarez e realizado desde comezos de xaneiro, por varios veciños de San Xoán de Tabagón - para izar entre un arco duns 14 metros de altura cunha estrutura de madeira que cada ano estrea deseño e incorpora novidades.
Camelias, flores de mimosas, ramas de buxo, vimbios, laranxas e outras plantas decorarán un arco único en toda a provincia de Pontevedra que anuncia o inicio dunhas festas cunha profunda tradición. O resultado é un belo e artístico arco triunfal multicolor que se manterá en pé ata o domingo de Entroido e que representa a defensa da cultura, sensibilidade artística, traballo en equipo e unión e sacrificio polo ben do barrio. Tras esta tradicional subida haberá animado ambiente tradicional e, a partir das 22 h, animación musical co grupo D’Líder.
A fin de semana continuará coa seguinte programación:
SÁBADO 1 DE FEBREIRO
- 10.00, 11.00 e 12.00 h. Actos litúrxicos.
- 11.00 h. Entrada do grupo de treboada, gaitas e baile Virxe do Alivio.
- 22.00 h. Actuación das orquestras Fania Blanco Show e Trío Azar.
DOMINGO 2 DE FEBREIRO
- Ao amencer. Gran tirada de bombas de palenque.
- Pola mañá. Actos litúrxicos e procesión.
- 11.00 h. Entrada da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal.
- Pola tarde. Inchables para nenos, chocolatada de balde para todas as persoas e concerto da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal.
- Fin de festa con gran tirada de bombas.
Unha cita ineludible!
Ningún comentario:
Publicar un comentario