O Concello pon en valor a figura de Rosalía de Castro con varias actividades
• Unha exposición de fotografías de Xurxo Lobato repasará a vida e obra de Rosalía de Castro
• Na inauguración o 8 de febreiro contarase coa presencia do fotógrafo e do presidente da Casa de Rosalía, Anxo Angueira
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de programar varias actividades para resaltar e por en valor a figura da senlleira escritora galega Rosalía de Castro, coincidindo co Día de Rosalía (24 de febreiro de 2020).
A primeira das actividades programadas consistirá na exposición de fotografía “Airiños Aires Rosalía”, que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro, unha mostra na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán do 8 de febreiro ao 8 de marzo a Casa dos Alonso, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.
O autor da obra, Xurxo Lobato explica que supón para el esta exposición: “É a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza”.
A inauguración terá lugar o sábado 8 de febreiro ás 20:00 horas, no andar baixo da Casa dos Alonso e contarase coa presenza de Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e gran estudoso da súa figura.
Outras actividades en torno á figura de Rosalía de Castro
Como en anos anteriores A Guarda terá moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.
A seguinte das actividades será a iniciativa Caldo de Gloria, que pretende involucrar ós bares e restaurantes na conmemoración deste día. Esta iniciativa, que xa se realizou o pasado ano na nosa localidade, enmárcase no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, Día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema “Miña casiña, meu lar”. Os establecementos poden complementar esta iniciativa convidando ós seus clientes a recitar temas de Rosalía durante estes días.
Os establecementos interesados na iniciativa poden anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario en liña: https://forms.gle/m9hiNX9rJTJE2TSYA
Pero non é ata o día 24 de febreiro que se conmemora en toda Galicia o Día de Rosalía, coincidindo co 183 aniversario do seu nacemento. Neste día, que nos coincide este ano co luns de entroido, terá lugar un sinxelo acto na Casa do Concello, no que convidamos á todo amante da obra de Rosalía a que se sume a unha lectura conxunta de poemas da autora. Será as 12h na Praza do Reló e todas as persoas interesadas en participar poden xa anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario en liña: https://forms.gle/1VUJVrt81bVPhzKc9
Por último o Concello guardés revalidará a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante a última semana de febreiro compartindo contido nas redes sobre a vida e obra da autora. Todos aqueles que queiran achegarse á iniciativa poden crear e subir contido e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda coa etiqueta #Rosalíate ou #Rosalíanasredes
Ningún comentario:
Publicar un comentario