Anna Caballé: "Concepción Arenal foi incómoda no seu tempo e ségueo a ser"
A historiadora catalá estivo onte en Pontevedra nun acto organizado pola Deputación e o Ateneo xunto á presidenta, Carmela Silva, e á deputada María Ortega
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, no momento da súa intervención no acto de onte
Fotos: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A profesora e historiadora, Anna Caballé, asegurou en Pontevedra que Concepción Arenal "foi incómoda no seu tempo e ségueo a ser hoxe en día". Así o manifestou onte na conferencia organizada pola Deputación e o Ateneo de Pontevedra co gallo do bicentenario do nacemento da pensadora, a quen cualificou de "protofeminista" e "defensora dos máis vulnerables" sempre dentro dun pensamento "moralista".
Acompañada da presidenta provincial, Carmela Silva, e da deputada de Patrimonio, María Ortega, Caballé sinalou na súa conferencia que a principal achega humanista de Concepción Arenal é "a súa contribución ao pensamento ético en España", xa que o considera fundamental e necesario para o desenvolvemento da sociedade. "Ela loita, vive, pensa sempre a favor do progreso moral da sociedade convencida de que o progreso económico, científico, e en todos os sentidos, non pode ser un progreso importante se non vai acompañado dun progreso na moralidade dos comportamentos", afirmou.
Caballé
fixo referencia a todo o patrimonio intelectual legado por Arenal,
cunha grande produción de libros e artigos centrados na loita por
mellorar as condicións de vida das persoas desvalidas e oprimidas
Caballé fixo referencia a todo o patrimonio intelectual legado por Arenal, cunha grande produción de libros e artigos centrados na loita por mellorar as condicións de vida das persoas desvalidas e oprimidas. "A súa achega intelectual é indiscutible independentemente de que sexa unha muller ou un home quen a escribe, o que acontece é que sendo muller ten un mérito moito maior, posto que ela non asistiu á universidade e non tivo o dereito á educación que tiñan os varóns no século XIX. O esforzo que para ela require chegar a onde chega é moi superior ao dun home que tiña un acceso á educación moito máis cómodo", remarca a autora.
Pontevedra
A charla de Caballé sobre Concepción Arenal ‘A Lei do ben' comezou coa explicación do paso da pensadora pola cidade de Pontevedra, onde a súa estancia non chegou a un ano, entre 1889 e 1890, pero onde seguiu traballando nas súas últimas obras.
A profesora catalá sinala a Prudencio Landín, no seu libro de memorias, como a única referencia coñecida sobre a estadía de Concepción Arenal na vila do Lérez e laméntase de non dispoñer de máis testemuñas. Destaca que Pontevedra apenas foi unha cidade de tránsito para ela, e que non tivo tempo a deixar a súa pegada nin tampouco de arrastrar a outras personalidades de Madrid que viñeran visitala.
En calquera caso, Caballé explica que Arenal adoitaba facer faladoiros no seu domicilio ao igual que facían outras mulleres intelectuais da época, xa que non tiñan lugares nos que conversar con personalidades do seu tempo máis alá do ámbito privado. "As mulleres non podían acceder de maneira natural aos cafés da época, e por tanto era nos domicilios privados onde podían manter un intercambio de pareceres. Como Arenal no momento de estar en Pontevedra xa está moi enferma e non pode ir á casa de ninguén, loxicamente a charla tíñaa na súa casa".
Protofeminista
Caballé asegura que a pesares de ser considerada a primeira feminista española o concepto de "feminismo" non aparece na obra de Arenal. Cualifícaa máis ben como "protofeminista, máis reformista que revolucionaria" por ser unha pioneira na defensa teórica dos dereitos da muller e en xestar un argumento reivindicando non só os dereitos da muller no futuro, o que ela chama "a muller do porvir", senón denunciando a situación que vive a muller no seu propio tempo.
Polo avanzado do seu pensamento Arenal era unha personalidade incómoda no seu tempo, tanto para os católicos –na medida en que denunciaba a hipocrisía moral dos cargos que ostentaban actitudes externas pero mantiñan comportamentos corruptos ou alleos á verdadeira moralidade cristiá–, e por outra banda para os krausistas –moi rixidamente anticlericais– aos que lles custaba aceptar unha personalidade tan cristiá. "Era, máis que contraditoria, incómoda para o seu tempo, e seguiuno sendo despois", destacou a biógrafa.
Tópicos desmontados
Sobre os moitos tópicos que aparecen na Wikipedia e noutros documentos como verdades sobre a pensadora, Caballé afirmou que hai moito que matizar, desde os seus estudios de Dereito ata a súa orixe pobre.
A profesora sinala que non está nada claro que asistise ás clases de Dereito, xa que só hai constancia a través dunha carta que escribe ao seu marido de que, xa de casada, asistía a algunhas clases de Medicina Legal e Toxicoloxía na Facultade de Medicina (das primeiras en ter mulleres en España). "Que lle interesaba a Medicina Legal porque xa lle interesaba o Dereito? É unha afirmación que non se pode facer. É probable, pero non necesariamente verdade", di Caballé.
Tamén sinala que a explicación de que coñeceu a seu marido na Facultade de Dereito non pode ser certa: "Levábanse 13 anos e nese momento non podía estudar Dereito porque no momento en que ela é moza o seu marido Fernando García Carrasco xa exercía de avogado en Madrid", abondou a profesora, incidindo noutras inexactitudes sobre a autora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario