15 de dec. de 2019

SALCIDOS (A GUARDA)

FOI PRESENTADO “SALCIDOS EN BRANCO E NEGRO - ÁMBUM FOTOGRÁFICO DA PARROQUIA DE SALCIDOS II”

Nun acto que tivo lugar no Salón Parroquial de Salcidos

Antonio Fontela Martínez - a esquerda da imaxe - e algúns dos coatores do libro, no acto de presentación de “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos II”
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

 Na noitiña de onte sábado día 14 de decembro de 2019, o Salón Parroquial de Salcidos acolleu á presentación do libro “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos II”.

 O acto, ao cal asistiron unhas 70 persoas - entre elas Uxía Fontela, a quen seu pai adicoulle este novo libro - procedentes de varios barrios salcidenses, contou coa asistencia da concelleira de Patrimonio do Concello de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; do editor e promotor da publicación, Antonio Fontela Martínez; e dos co-autores do libro, José Antonio Uris Guisantes, Victoriano Rodríguez González, Celso Rodríguez Fariñas, Ricardo Rodríguez Vicente, Fabiola Coedo Iglesias, Joaquín Miguel Villa Álvarez e Antonio Fontela Martínez.


O editor Antonio Fontela Martínez, na primeira das súas intervencións


 Abriu o turno de intervencións o editor do libro, Antonio Fontela Martínez, quen ademáis de agradecer á asistencia veciñal dixo: “(...) Pedimos disculpas polos erros, polos atrasos,...¡Pero pagou a pena!

 Un tempo despois, máis do que nos houbese gustado, estamos de novo nas mans  dos nosos apreciados veciños. Fai case dous anos, Salcidos festexaba orgulloso a chegada da primeira publicación, e hoxe nos congratulamos, a pesar do retraso, de que poidamos gozar dunha nova compilación de imaxes da nosa parroquia, para orgullo e ledicia de todos (...).

 Fontela dixo tamén: “(...) Son moitas as razóns polas que este proxecto e estas publicacions pagan a pena, non faremos un relatorio completo das mesmas pero queremos destacar, e deixar constancia de que, o pobo de Salcidos, acadou con seu esforzo e a súa implicación, cousas moitas veces intanxibles, pero de enorme importancia para a identidade do novo pobo, Salcidos (...).

  Antonio Fontela agradeceu a labor dos recuperadores da memoria de Salcidos” e por suposto a todas ás persoas que cederon as fotografías que se inclúen no libro.



A concelleira de Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez - a dereita da imaxe - e o concelleiro Celso Rodríguez Fariñas - a esquerda - no evento de onte


 Deseguido fixo uso da palabra a concelleira de Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, que salientou á importancia que ten este tipo de iniciativas que poñen en valor o rico patrimonio material e inmaterial do noso pobo.

 Asemade, Mª Montserrat Magallanes loubou que esa riqueza se espalle e chegue a moitas persoas que doutro xeito seríalles imposible recuperar unha parte moi importante da nosa memoria colectiva, polo que animou a Antonio Fontela Martínez a ir pensando no terceiro tomo.

 Logo da intervención da concelleira, falou novamente Antonio Fontela para agradecer a colaboura de todas as persoas que fixeron posible este novo libro.

 A continuación foi posta a venda a publicación e todas as persoas que habían feito as oportunas reservas, puderon recoller os exemplares que habían indicado, e as demáis tamén puderon facerse coa cantidade de libros que desexaron, e así comezar a gozar tanto do continente como - sobor de todo - do contido de “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos II”.

 E as persoas que ainda non teñan “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos I”, ainda están a tempo de poder mercar os exemplares que precisen. 

  En todo caso, o novo libro estará á venda nos seguintes lugares: Altamar, Tenda do Cruceiro Pinto, Barbería do Coruto e Recreo Artístico Guardés.

UNHA OBRA DO POBO PARA O POBO
  
 “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos II, conta cunha portada na cal figura reproducida unha imaxe tirada o día 6 de xaneiro de 1949, no estudo do fotógrafo guardés Joaquín García Portela "Costiña".

 Nesa fermosa fotografía ás protagonistas son cinco cantoras de Salcidos: Isolina de Buenaventura, María das Delicias, Nieves da Caseira, Celia a Capitana e Carmen das Delicias.

 Esas xóvenes, ademáis de formar parte do coro parroquial, xuntábanse para "Cantar ós Reis", que segundo consta no libro que ven de ser presentado, daquela non se cinguía a unha única data, xa que percorrían á parroquia cantando no Nadal, no Aninovo e por suposto en Reis.

  Cun total de 192 páxinas, o libro acolle artigos dos anteriormente mencionados investigadores de temas locais, así como unha selección de 380 reproduccións fotográficas de varios autores: Joaquín García Portela "Costiña", Mariano Jiménez Hueto, Casa Táboas, Pacheco, José Gardeazábal Rivas (Foto Rivas), Ramón Sobrino, José Luís Rodríguez Díaz (Foto Valencia), Isidro Pérez González (Foto París),..., entre outros.

 Na contracapa do libro figura catorce carimbos de diferentes fotógrafos que tiveron actividade profesional na nosa contorna.

 Ademáis das imaxes fotográficas, o libro relembra a figuras de salcidenses, como Avelino Vicente González, Jaime Baz Rodríguez, A saga dos Sesto, Nicolás Rodríguez Rodríguez, Arminda Gómez Martínez (Arminda dos Pantalóns), José Marino González de la Concepción (Santeiro), Generoso Coedo Álvarez, Francisco Sobrino Rodríguez, Ángel Gándara González,..., ou persoas que tiveron relación coa parroquia de Salcidos, como Jesús Dorrego Rego (Jesús de Portas).

 Máis os verdadeiros protagonistas do libro son os propios veciños: Mulleres, homes, nenas/os,... que nas diferentes etapas das súas vidas deixaron súa impronta persoal en diferentes eidos: na vida familiar, profesional, veciñal, cultural, deportiva,...


Previamente á presentación e ao remate da mesma, foron moitas ás persoas que detivéronse á ollar á exposición de fotografías antigas de Salcidos



 Ao longo da súa andaina como parroquia, toda á comunidade veciñal deu o mellor de sí mesma para que Salcidos teña moi patentes súas señas de identidade e sobor de todo súa memoria colectiva como pobo. Por iso, “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos IIconstitúe non soio un fermoso agasallo para calquer persoa que queira coñecer un pouco máis e mellor, aos salcidenses, senón para os mesmos veciños da parroquia de San Lourenzo de Salcidos, que teñen unha oportunidade magnífica de gozar cunha obra xurdida do pobo para o pobo.

 Desde Infogauda agradecemos vivamente a iniciativa do emprendedor Antonio Fontela Martínez, por levar a bo termo, unha vez máis, este proxecto que é unha boa mostra da súa capacidade de saber aglutinar vontades e lograr, coa colaboura de todos, sacar adiante obras colectivas tan meritorias como “Salcidos en Branco e Negro - Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos”, tomos I e II.

Ningún comentario:

Publicar un comentario