FOI PRESENTADO PÓVOA DE VARZIM - BOLETIM CULTURAL
O acto contou coa asistencia dunha delegación da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro
Capa do Póvoa de Varzim - Boletim Cultural, volume 51/2019
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / Póvoa de Varzim
O Salâo Nobre dos Paços do Concelho de Póvoa de Varzim, acolleu na tardiña do mércores día 11 deste mes de decembro de 2019, á presentación da publicación Póvoa de Varzim - Boletim Cultural, volume 51/2019, acto que contou coa presenza do presidente e do vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira e Luis Diamantino Carvalho Batista, respectivamente, e coa asistencia de diferentes representacións poveiras, así como unha delegación da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda (Galiza), que por convite da presidencia da autarquía poveira, ocupou nese acto un lugar de honra.
Dirixida por María da Conceiçâo Nogueira, coa coordinación editorial de Manuel Costa, a publicación foi editada polo Municipio de Póvoa de Varzim.
Os labores de redacción e distribución son asumidos pola Biblioteca Municipal "Rocha Peixoto".
Desde 1958, Póvoa de Varzim - Boletim Cultural acolle e divulga estudos orixinais e documentación diversas referentes ao concello poveiro.
A publicación, que ten unha periodicidade anual, e nesta ocasión comprende 300 páxinas impresas, entre textos, numerosas fotografías e reproduccións de documentos; contou cunha tirada de 500 exemplares, que teñen un prezo de venda unitario de 12,00 Euros (10,00 euros para os subscritores).
Como acertadamente salientou Aires Henrique do Couto Pereira "(...) o conhecemento da história local é, nos días que ai vem, uma necessidade imperativa, sem a qual nâo há boa gestâo politica nem desenvolvimento económico.
Porque quem nâo sabe de onde vem nâo encontra o caminho certo para o futuro".
Pola súa banda a directora de Póvoa de Varzim - Boletim Cultural, María da Conceiçâo Nogueira relembrou "(...) a magistral definiçâo do nosso Póvoa de Varzim, pelo Presidente da Autarquía, Engº. Aires Pereira, no número anterior:
«O Póvoa de Varzim -Boletím Cultural é a pegada histórica dos Poveiros, o seu contributo para a historia nacional, a súa forma muito própia de fazer historia.»
Na introducción sobre as características xerais e particulares que ten orientado o traballo editorial do Boletím Cultural - Póvoa de Varzim, a directora da publicación salienta tamén "(...) a valiosa diligencia de Manuel Lopes, empenhadamente continuada por Manuel Costa, podendo verificarse a importancia patrimonial e historiográfica deste fundo documental (...)".
A directora destaca igualmente o compromiso do presidente da Câmara, Aires Pereira, "garantía de subscriçâo autárquica da frase de Fernando Barbosa, fundador do nosso Póvoa de Varzim: «Uma terra sem escrita é uma terra sem passado.»
Obrigada, senhor presidente, pelo apoio e interesse dedicados a esta publicaçâo poveira, desejosa apenas, de nâo deixar "morrer o passado", de comemorar "o presente", de os transmitir "ao futuro" (...)".
Ademais de citar diferentes artigos da temática xeral deste número - conmemoración do Centenario da I Grande Guerra (1914-1918) é do Centenario da chamada Monarquía do Norte, movemento revolucionario tendente a restauración do réxime monárquico en Portugal -; a directora do Boletim, afirmou que "(...) pola súa importancia, dous acontecementos non podían deixar de figurar na Varia deste número:
Aparentemente disociados, xeográficamente e culturalmente, únenos os inseparables lazos ligados as "xentes", principais protagonistas do devir histórico. Referímonos a xente poveira e a xente de A Guarda, tendo Santos Graça e a Lancha Poveira do Alto como principais referencias.
O proxecto de construçâo de um Volanteiro, embarcación xemelga da Fé em Deus, levado a cabo pola comunidade guardense, culminou coa botadura de O PIUEIRO, o 5 de outubro de 2019.
Xuntos aos astaleiros da Pasaxe, no cal participou o vice-presidente da Câmara da Póvoa de Varzim, Dr. Luis Diamantino, que realzou a importancia deste acto como unha proba máis do estreitamento de relacións entre as dúas comunidades unidas polo mar.
A intervención proferida por Xosé Lois Vilar Pedreira destacou este mesmo aspecto, constituíndo así unha memoria viva que importa rexistrar (...)".
No Póvoa de Varzim - Boletím Cultural collése íntegramente a intervención de Xosé Lois Vilar Pedreira na botadura do volanteiro Piueiro
O volume 51 do Boletim conclúe da mellor maneira - tal como comezou -, con un texto do presidente da Câmara, Aires Pereira, que ven a relembrar "(...) un xusto e comprensivo orgullo por presidir á inauguración do Monumento a Antonio dos Santos Graça (...)".
Compre salientar que en relación ao Piueiro, ademáis de reproducir a toda cor e a páxina completa, o cartel do evento da botadura do volanteiro guardés, documéntase íntegramente a brillante intervención de Xosé Lois Vilar Pedreira na botadura do volanteiro Piueiro; e complétase o rexistro dese importantísimo evento patrimonial con 5 fotografías a toda cor, correspondentes a diferentes momentos desa inesquecible data que marca un feito histórico na Cultura Marítima de A Guarda, e reafirma seu vencello inmemorial coa Póvoa de Varzim.
O feito de haber incluído no Póvoa de Varzim - Boletim Cultural, o rexistro da botadura do volanteiro Piueiro, e que a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro fose convidada á presentación desa publicación na cidade poveira, son, entre outros, dous fitos que rememoran unha antiga e cada vez máis próxima, relación de amizade entre Póvoa de Varzim e A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario