O DOG publica hoxe dúas ordes de axudas destinadas aos concellos e ás asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais de Galicia
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias subliñou que nas axudas ás entidades locais vanse primar os proxectos de cubrición de parques infantís
Foto: X.G.
Nas subvencións ás asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais mantense o pagamento anticipado do 100% das axudas, que nesta convocatoria serán adxudicadas en concorrencia competitiva
O importe de ambas ordes acada os 6,5 millóns de euros
Infogauda / Santiago de Compostela
A directora xeral de Administración
Local, Marta Fernández-Tapias presentou esta mañá hoxe en rolda de
prensa dúas axudas da Vicepresidencia que hoxe mesmo saen publicadas no
DOG e que entre ambas suman 6,5 millóns de euros, dos cales 4 millóns
son para as entidades locais e 2,5 millóns para as asociacións veciñais,
comunidades de usuarios de augas e mulleres.
Segundo explicou Marta Fernández-Tapias, o Diario Oficial de Galicia
publica hoxe a convocatoria de subvencións para a creación e/ou mellora
das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á
prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia
para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión
compartida, cun orzamento de 4 millóns de euros, o que supón un
incremento de 1 millón de euros máis con respecto á convocatoria
anterior.
A través da liña de subvencións para infraestruturas de
uso público, o Goberno galego vén apoiando desde 2009, aos concellos de
Galicia para a mellora das dotacións existentes de infraestruturas
básicas e do fomento da implantación e a reforma dos servizos municipais
demandados pola poboación rural.
A directora xeral subliñou que
nesta convocatoria vaise primar os proxectos de cubrición de parques
infantís que deriva da necesidade de adoptar todo tipo de medidas de
apoio ás familias como contribución ao impulso demográfico mediante o
desenvolvemento deste tipo de proxectos nunha área tan sensible para a
cidadanía como é o lecer infantil e a creación de ámbitos de convivencia
e relación social na infancia.
As actuacións que se subvencionan
ao abeiro desta orde son a creación e/ou mellora das infraestruturas,
dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de
servizos municipais, como obras de instalación, ampliación ou mellora
das redes de luz pública; obras de pavimentación de camiños públicos
municipais; construción, mellora e ampliación de parques infantís,
cubrición de parques infantís ou construción de novos parques infantís
cubertos; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de
edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos
municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou
dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de
instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos
destas instalacións.
A axuda económica que se conceda financiará
ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co
límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 50.000 euros
para as solicitudes conxuntas e para as presentadas por concellos
resultantes dun proceso de fusión municipal ou en proceso de fusión.
Cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre e cando unha
delas sexa individual e a outra sexa unha solicitude conxunta, de
agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as
solicitudes deberán ser para actuacións diferentes.
Axudas para asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia
A directora xeral de Administración Local explicou tamén que hoxe sae publicado tamén no Diario Oficial de Galicia,
a convocatoria de subvencións destinadas ás asociacións de veciños,
comunidades de usuarios de augas e asociación de mulleres rurais, para o
ano 2020 por importe de 2,5 M euros, o importe máis alto dende o ano
2016, que nesta convocatoria debido ao elevado número de solicitudes
pasa a ser de concorrencia competitiva. Ademais, a Xunta pode anticipar o
100% da subvención ás entidades beneficiarias, evitándolles que deban
anticipar o custo do proxecto antes da súa realización e xustificación.
O
importe máximo da axuda por entidade é de 12.000 euros para a
realización de obras e 5.000 euros para a dotación de equipamentos e a
finalidade destas axudas é contribuír a mellora da calidade de vida
local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.
As
actuacións que se subvencionan ao abeiro desta orde son por unha banda,
os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en
inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un
dereito de uso por convenio ou por calquera outro título; e por outra
banda, os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles
orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento
ordinario.
A presentación de ambas solicitudes realizarase
obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación será de un mes a partir de mañá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario