CAÍNO, O PINTOR DE BAIONA, MÓSTRANOS “AS CORES DO TEMPO”
• No seu estudo do Loureiral, Caíno traballa de xeito continuado, na constante procura da emoción
• “As cores do tempo” pode visitarse na sala de exposicións I Sede Afundación Vigo, do 5 ao 30 de novembro
Caíno, o pintor de Baiona, diante de obras pictóricas da súa autoría
Foto: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / Vigo
Caíno, nome artístico de Claudio Vasconcellos Cabral (Baiona, 1948) é un pintor autodidacta, de longa traxectoria. As primeiras referencias sobor deste creador proveñen da súa nenez na vila mariñeira baionesa, ainda que súa carreira artística, propiamente dita, escomenzouna en Londres. Daquela Caíno tiña 22 anos.
Na súa estadía na capital británica visita asiduamente a National Gallery e a Tate Gallery. Esa sería súa aprendizaxe. Observando ás obras mestras dos clásicos e tamén a pintura moderna. Como consecuencia da intensa actividade que Caíno despregou, e das súas inquedanzas artísticas, Caíno expuxo en Hyde Park con un grupo de pintores.
Pero á Terra tira e Caíno non aturou por máis tempo a saudade, e retornou a Baiona, seu berce matrio. Logo de traballar co farmacéutico e cronista baionés, Herminio Ramos, compatibilizando súa actividade laboral coa súa vocación artística, Caíno foi evolucionando como pintor. Dibuxou moito a plumilla e colabourou con traballos da súa autoría, na prensa e en varias pubricacións e revistas periódicas.
O Concello de Baiona adicoulle o almanaque de 2008, no que se reproduciron máis dunha ducia de obras do pintor baionés.
Na súa andaina creativa, Caíno tocou varios rexistros: Surrealismo, impresionismo, cubismo, expresionismo,...
Ten exposto en numerosas mostras colectivas e colaborou en diversas iniciativas solidarias. Asemade, ainda que sen prodigarse en demasía, tamén tén feito varias exposicións individuais, en Baiona, Vigo, Pontevedra, Nova York, Ourense, Madrid, Lugo, Monforte de Lemos, Cambados, A Guarda, Tui,...
Súa obra está presente en coleccións privadas de Gran Bretaña, Francia, España, Italia, Estados Unidos, Portugal e Arxentina.
Ollando a obra pictórica de Caíno Vasconcellos axiña nos percatamos das súas predileccións temáticas: Bodegóns, canciños, feiras, festas, maternidades, mulleres espidas, músicos, nais, nocturnos, nús, peixes, pescadores, pícaros,…, e tamén as paisaxes.
Caíno tén un estilo moi definido, no que as facianas humanas son ás protagonistas. Son personaxes de olladas enigmáticas, transparentes. Seres de humilde presenza, máis de carácter nobre. Xente do mundo do traballo: Atadeiras, feirantes, mariñeiros, pescantinas, vendedoras de mel, noces e queixos,...
Nas súas faccións, as figuras que nos amosa Caíno, evócannos un certo primitivismo, de equilibrada volumetría, que constitúen súas señas de identidade.
Na súa labor creativa, e na súa vivenda - estudo de O Loureiral, Caíno traballa de xeito continuado, na constante procura da emoción.
Partindo de un dibuxo previo, realizado maioritariamente con aguadas ao óleo, Caíno vai deitando nos seus lenzos, numerosas pinceladas que nos amosan unha axeitada capa matérica. A incorporación, na súa xusta medida, doutros materiais, sucesivos empastes, superposicións de pinturas, veladuras e refregados, van completando a pausada execución técnica das súas obras.
No que atinxe o cromatismo da súa obra, compre salientar que a paleta de Caíno vai desde os azuis mariños os bermellóns, nunha sinfonía cromática de verdes, sienas, ocres, violetas,..., e dominándoo todo, o branco, cada vez máis presente nos seus cadros.
Na obra deste pintor reflíctense as inquedanzas que o artista leva no seu interior, definindo nidiamente súa personalidade, caracterizada por unha especial sensibilidade polos seres indefensos e tamén por un demostrado agarimo pola súa vila natal, e tamén por Galicia. Caíno exerce dia a dia como baionés e como galego. Para decatarnos desa afirmación non hai máis que ollar súa obra – preto de 40 cadros ao óleo e técnica mixta - na exposición “As cores do tempo”.
“As cores do tempo”. Do 5 ao 30 de novembro de 2019, na Sala de Exposicións I Sede Afundación Vigo, na rúa Policarpo Sanz, 26 (Vigo).
Horario de visitas, de luns a sábado, de 17:30 a 20:30 h.
Domingos e festivos, pechado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario