Máis de 1.550 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria comezan un novo curso escolar en Tomiño
Nos centros de Primaria de Barrantes e Sobrada, rexistrouse o maior crecemento de matrículas
Alumnado do IES Antón Alonso Ríos accedendo ao centro
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Máis de 1.550 alumnos dos ciclos de Infantil, Primaria e Secundaria, comezan esta semana un novo curso escolar en Tomiño.
Máis de 950 escolares de Infantil e Primaria comezaron onte as clases do curso 2019/2020; 52 máis que o ano pasado. Repartidos nos colexios públicos de Tebra (100 estudantes); Barrantes (97); Goián (147); Sobrada (207); Pedro Caselles (206) e Colexio Rural Agrupado (122), veñen a sumarse aos máis de 600 do IES Antón Alonso Ríos (alumnado da ESO e ciclos de FP) e aos 90 das dúas escolas infantís públicas (O Seixo e Goián). Nos centros de Primaria das parroquias de Barrantes e Sobrada, rexistrouse o maior crecemento de matrículas, con 11 e 8 altas, respectivamente.
A maioría dos centros de Primaria manteñen, en termos xerais, o número de inscricións, rexistrando varias altas, principalmente, nos colexios de Sobrada e Barrantes, O CRA mantén a súa matrícula en 122 nenos e nenas, despois de que o ano pasado sufrira 11 baixas.
Obras de mellora por importe de máis de 60.000 euros
Durante o verán o Concello levou a cabo varias obras de mantemento e reparación dos centros educativos de Primaria coma, por exemplo, a remodelación da Biblioteca CRA, no Seixo, para facela máis accesible, cómoda e segura; melloras no comedor da escola Galiña Azul do Seixo, pistas balonmán e baloncesto no Mosteiro (para uso compartido entre o alumnado do colexio Pedro Caselles e a veciñanza); cambio de chan en tres aulas do colexio de Sobrada, e diferentes obras de mantemento (fontanería, electricidade, limpeza patios, etc.) levadas a cabo por traballadores municipais durante varias semanas. O investimento total de todas estas obras ascendeu a máis de 60.000 euros, de fondos municipais.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou positivamente as cifras de escolaridade acadadas, tanto nos centros de Primaria, coma no Instituto, lembrando a importancia de fomentar a educación pública e gratuíta, e por conseguinte a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente dos seus recursos económicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario