Encontrado o corpo do triatleta desaparecido no río Miño
Comunicado conxunto da Federación de Triatlo de Portugal, Federación Galega de Triatlón e Pentatlón Moderno, Pedal’Arte, Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e Concello de Tomiño
O corpo do mozo triatleta desaparecido, desde o domingo, no río Miño, foi encontrado esta mañá, sobre as 08h00, flotando na auga na marxe portuguesa, na zona situada fronte á Piscina Municipal. No transcurso das operacións de vixilancia no terreo, un membro da corporación dos Bombeiros Voluntarios de Cerveira deu o sinal de avistamento do cadáver, sendo inmediatamente accionado un bote do NRP Río Miño, para concretar o rescate do corpo e, posteriormente, encamiñalo cara ao Instituto de Mediciña Legal de Viana do Castelo.
Por ter o suceso acontecido durante a proba de natación do XII Triatlo da Amizade, con organización conxunta, a Federación de Triatlo de Portugal, a Federación Galega de Triatlon e Péntatlon Moderno, a Pedal’Arte, o Concello de Vila Nova de Cerveira e o Concello de Tomiño, manifestan publicamente o profundo pesar pola perda do mozo de 23 anos, enviando as máis sentidas condolencias á familia e amizades.
Tras catro días de operacións de busca intensivas, as dúas federacións, a asociación e ambos gobernos locais, agradecen públicamente todo o dispositivo efectuado, destacando que, baixo coordinación da Capitania do Porto de Caminha e da Comandancia Naval do Miño, realizaron un traballo incansabel ao longo de toda a operación.
Neste momento, solicítase o respecto necesario para que familia e amizades poidan realizar as cerimonias fúnebres coa maior privacidade posibel.
O Ministerio Público xa procedeu á abertura dunha investigación, polo que se agarda á maior brevidade posíbel dispoñer dunha clarificación dos feitos relativos ao suceso.
05 de setembro de 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario