Preto de 500 persoas participan esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación "En Ruta coa Depo 2019"
Veciñas e veciños de 4 concellos percorrerán recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial
Infogauda / Pontevedra
O programa "En Ruta coa Depo 2019" organiza esta fin de semana 6 novas excursións nas que participarán preto de 500 persoas de catro concellos da provincia. En concreto serán 486 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, O Porriño, Vigo e Salceda. Máis polo miúdo, o sábado, 54 persoas da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias-Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei; e o castro de Toiriz, o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa, en Silleda. Outras 54 persoas da Asociación Cultural A Forna-Porriño coñecerán, ese mesmo día, o parque da natureza do río Barosa, en Barro; o miradoiro do Val, en Portas; o xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.
Pola súa banda, o domingo, 108 persoas da Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios de Lavadores farán a ruta das camelias señoriais e a ruta das maceiras, visitando o pazo de Lourizán e Pazo de Gandarón, en Pontevedra; e o pazo de Oca e Ruta das Maceiras de Callobre, na Estrada. Amais, outras 108 persoas da Asociación de Veciños de Beade, van coñecer o santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; e o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo. Por último, ese mesmo día, 162 persoas da Asociación de Veciños Salceda de Caselas e do Centro Cultural La Feria farán a súa ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.
O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario