26 de ago. de 2019

CULTURA

A Xunta de Galicia pon de manifesto o seu apoio á arte emerxente no inicio do 'IX Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura'  

O Gaiás recibe os 40 novos creadores participantes nesta residencia artística que ata o xoves presentarán os seus traballos e coñecerán outros procesos creativos


Na apertura do encontro, o conselleiro de Cultura destacou a vinculación desta edición do EAN coa programación do Xacobeo 21, convidando os participantes a realizar unha intervención nas Torres Hejduk co Camiño de Santiago como eixe  

O presidente da Fundación Banco Sabadell, colaboradora do EAN, resaltou a posta en valor do talento novo desta actividade, que combinada coas actuacións artísticas, compoñen o cerne de actuación da entidade que dirixe

Infogauda / Santiago de Compostela

  O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, deulles esta mañá a benvida aos 40 creadores que participan na novena edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN9. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 21– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.  

 Na apertura deste encontro no que participan artistas galegos pero tamén procedentes do resto de España e doutros países como Colombia, Romanía ou Arxentina, o titular de Cultura do Goberno galego destacou que as nove edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN como “unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano a traxectoria e talento dos e das participantes seleccionados”.  

 Román Rodríguez resaltou tamén que nesta edición o EAN forma parte da programación do Xacobeo 21 polo que o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, dirixido aos participantes no Encontro, terá como eixe os camiños xacobeos e profundará na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago. 

Xacobeo 2021  

 Este certame tira así proveito da localización das Torres Hejduk no cumio da faldra de Sar e do seu vencello visual directo coa Vía da Prata e a Catedral de Santiago. Deste xeito, o titular de Cultura valorou que lles dá aos e ás artistas, “a oportunidade e o desafío creativo” de empregar como espazo expositivo non convencional “estas singulares torres de pedra e cristal”.  

 “A arte transforma o mundo e acende as conciencias. Esa capacidade extraordinaria da arte, da vosa arte, entrará en xogo para aportar novos enfoques e renovar discursos sobre un fito cultural, social, relixioso e espiritual milenario como é o Camiño de Santiago”, enxalzou o conselleiro.  

 O acto, celebrado no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do presidente da Fundación Banco Sabadell, Miquel Molins; do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira; do director do EAN, Rafael Doctor; e da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira Otero. 

600 creadores a longo destas edicións  

 Miquel Molins quixo destacar o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea sinalando que “o talento novo e a cultura tomada no seu senso máis amplo son esenciais para o progreso e benestar social e a razón de ser da Fundación Banco Sabadell”. Por este motivo, asegurou “celebrar” a apertura desta novena edición e gabou que, “da man de Rafael Doctor, ano tras ano, se convoque creación e coñecemento ao servizo da arte nova”.  

 Pola súa banda, Rafael Doctor tivo unhas palabras de lembranza para os arredor de 600 creadores emerxentes que pasaron xa polo EAN ao longo das súas nove edicións, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, nun momento no que aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte. 

Artistas convidados  

 Facilitar o intercambio de ideas e visións sobre o mundo da arte, coñecer outros procesos creativos, dialogar e aprender da man de artistas consolidados, así como entrar en contacto con profesionais do ámbito xornalístico e curatorial son as oportunidades que o EAN ofrece aos e ás artistas emerxentes.  

 Nesta edición do Encontro contarase coa participación da artista visual Pilar Albarracín (Sevilla, 1968), coñecida polas súas performances, vídeo-arte, debuxos, fotografía e instalacións interactivas; as fotógrafas e fotoxornalistas galegas Lua Ribeira (As Pontes, 1986) –que en 2018 entrou na Axencia Magnum como membro nominado– e Bandia Ribeira (As Pontes, 1980) –participando na actualidade nun proxecto visual sobre a produción intensiva de vexetais nos invernadoiros de Almería–; e o comisario e artista audiovisual Nicolás Combarro (A Coruña, 1979), director, entre outras, da premiada longametraxe documental Alberto García-Alix. La línea de sombra. Todos eles súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.  

 Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers, tres nomes de recoñecida traxectoria que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Neste caso, serán o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell Eduardo Valiña; e a comisaria e directora artística das feiras JustMAD (Madrid) e JustLX (Lisboa) Semíramis González. 

Residencia artística no Gaiás  

 Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN9 van ter a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.  

 Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o EAN9 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC, a Fundación Granell en Santiago de Compostela, e o Museo MARCO en Vigo. 

 O EAN9 rematará o xoves 29 de agosto coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2018 do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, un traballo que leva por título Stay Here, do artista sevillano Alejandro Ginés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario