A "Aceleradora TurisTIC" da Deputación de Pontevedra abre novas oportunidades a empresas da provincia
Pazo de Rubianes, Celtic Ways, Vigopeques e Albergue Turístico A Guarda avanzan nas posibilidades das novas tecnoloxías no marco desta iniciativa, encadrada no programa "SmartPeme"
A aceleradora é unha iniciativa posta en marcha polo servizo TurisTIC da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A segunda convocatoria da "Aceleradora TurisTIC", da Deputación de Pontevedra, serviu para que empresas da provincia comezaran a aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías tanto no desenvolvemento como na posta en marcha do negocio nun sector tan competitivo como o turismo. A convocatoria, que deu comezo o outubro pasado, atraeu o interese de 14 empresas candidatas, entre as cales se fixo unha selección en función do seu grao de innovación, a presentación dunha memoria e o perfil das e dos empresarios candidatos.
As empresas seleccionadas resultaron ser Pazo de Rubianes (que abriu en 2012 e desenvolve un produto turístico en torno ao patrimonio botánico, histórico, cultural e vitivinícola deste emblemático predio das Rías Baixas), Celtic Ways (empresa de servizos especializados en diversos idiomas que ofrece guías, servizos de información turística, visitas á carta e asesoramento e deseño de produtos turísticos), Vigopeques (plataforma en liña de turismo familiar, en formato blog, sobre organización de viaxes en familia, educación e lecer infantil en Galicia e Portugal) e Albergue Turístico A Guarda (casa mariñeira de 1957 do casco urbano da Guarda orientada ao aloxamento de peregrinos do Camiño Portugués a Santiago).
As persoas responsables das empresas seleccionadas recibiron un programa intensivo de titorías individualizadas con expertos en tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade, entre outras. Tamén houbo sesións grupais sobre a relevancia da innovación, novas oportunidades e márketing dixital. As sesións abordaron os pasos para a creación dunha empresa, a creación dun portfolio de produto diversificado ou a busca de novos nichos de mercado aínda por explotar, entre outras cuestións. Grazas a esta iniciativa, estas empresas melloraron a súa estratexia TIC para obter unha maior competitividade tanto no ámbito do márketing e da publicidade como en comercialización.
A aceleradora é unha iniciativa posta en marcha polo servizo TurisTIC da Deputación de Pontevedra, creado no ano 2018 para dar asesoramento específico a este sector na introdución ás novas tecnoloxías. Á súa vez, forma parte da Rede SmartPeme, que naceu en 2016 como servizo de asesoramento e apoio ás persoas emprendedoras, autónomas e PEMES da provincia de Pontevedra na mellora da eficiencia, produtividade e competitividade a través do uso de ferramentas tecnolóxicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario