26 de ago. de 2019

AREAS (TUI)

CORES TOURÍS ANUNCIA A APROBACIÓN DO PROXECTO DO PLAN DE SEGURIDADE VIARIA NO ENTORNO DA PO-552 EN VARIOS TRAMOS DE TUI E TOMIÑO       

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra visitou o entorno da reitoral de Areas onde se vai construír unha nova glorieta 

· A obra contará cun orzamento de case 766.000 euros   


Na visita, o delegado territorial - 1º pola esq. - estivo acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como do deputado autonómico, Moisés Rodríguez, do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, así como de varios veciños da zona onde se vai a executar esta nova glorieta
Foto: X.G.

Infogauda / Areas (Tui)

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a estrada PO-552 onde se van a executar obras de seguridade viaria en varios tramos tanto de Tui como de Tomiño, cun investimento global de case 550.000 euros ao que haberá que sumar as expropiacións.  

 Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como do deputado autonómico, Moisés Rodríguez, do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, así como de varios veciños da zona onde se vai a executar esta nova glorieta.  

 Segundo anunciou Cores Tourís, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da aprobación do proxecto do Plan de Seguridade Viaria de Galicia no entorno da estrada PO-552, dende o punto quilométrico 58+300 ao 61+400, e dende o 68+500 ao 69+900.   

 “Este proxecto forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para actuar en tódolos treitos de concentración de accidentes rexistrados na Rede Autonómica de Estradas”, explicou o delegado territorial quen engadiu que durante a información pública desta obra presentáronse varias alegacións de particulares e do propio concello de Tomiño no senso de reducir o impacto da actuación, resolvendo a Consellería de Infraestruturas proxectar unha obra con menos afeccións pero igualmente resolutiva no que a seguridade viaria se refire.  

 Deste xeito, executarase unha glorieta na intersección da PO-552 coa estrada PO-344 no concello de Tomiño, e mellorarase a intersección do punto quilométrico 69+150 nese mesmo tramo, en Forcadela.  

 No caso de Tui, o delegado destacou que se executará unha glorieta no lugar que hoxe visitou, no entorno da reitoral de Areas, no punto quilométrico 71, na intersección coa estrada PO-350. Esta rotonda terá un diámetro de 34 metros. Tamén se executarán beirarrúas en varios puntos onde non existen nestes intres, garantindo así a seguridade viaria dos peóns.  

 O conxunto das actuacións recollidas neste proxecto ascende a 700.000 euros, ao que hai que engadir 66.350 para expropiacións. O proxecto será agora elevado ao Consello da Xunta de Galicia para que se aprobe o Decreto de utilidade Pública de cara a expropiación dos terreos, e as obras licitaranse a finais de 2019 para ser executadas a comezos de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario