A Xunta de Galicia celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe a Carballo Calero no Día das Letras 2020
A Consellería de Cultura e Turismo salienta ademais o labor docente do ferrolán, así como o seu traballo en prol da nosa lingua desde as aulas e a cátedra que desde 1958 ocupou na Real Academia Galega
Ricardo Carballo Calero intervindo nun acto organizado polo Facho no ano 1966
Foto: Arquivo RAG
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2020 a Ricardo Carballo Calero, e traballa xa na homenaxe que todos os galegos lle renderán ao mestre ferrolán o vindeiro ano.
A Consellería de Cultura e Turismo quere ademais salientar o labor de Carballo Calero como docente no ensino medio e universitario, así como o seu traballo en prol da nosa lingua e cultura propias dentro da institución que hoxe o escolle como persoeiro ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2020.
Nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, Carballo Calero constitúe un dos cumios intelectuais e literarios das letras galegas do século XX, razón pola que é merecente do recoñecemento colectivo de todas e todos os galegos.
Adscrito á denominada Xeración de 1936, xunto a escritores coma Celso Emilio Ferreiro ou Aquilino Iglesia Alvariño, Carballo Calero foi un autor polifacético e mestre filolóxico cuxa obra nos xéneros do ensaio, a poesía, o teatro, e a narrativa está considerada unha peza clave da reconstrución cultural de Galicia na segunda metade do século XX.
Ademais da súa extensísima obra ensaística e crítica, cultivou a poesía con títulos como Vieiros (1931), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Pretérito Imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990); o teatro, compilado en volumes como Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), e o Teatro Completo (1982); e a narrativa, con textos como Xente da Barreira (1950) ou Scórpio (1987). Así mesmo, foi membro da Real Academia Galega desde 1958.
Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Turismo traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, así como co conxunto da sociedade civil, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario