Oia acolle un dos concertos que a orquestra Kv2211 ofrece no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais
O recital, que incluirá un divertido repertorio de pezas de música clásica, terá lugar este sábado día 11 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Mougás
Infogauda / Oia
Oia acolle un dos concertos que a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, ofrece no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais. O recital, que incluirá un divertido repertorio de pezas de música clásica, terá lugar este sábado 11 de maio na Casa da Cultura de Mougás a partir das 19:00 horas. A entrada será gratuíta ata cubrir o aforamento.
Este concerto é un dos actos programados pola asociación Piueiro con motivo da celebración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais que se desenvolverá do 11 ao 14 de xullo na Guarda. Precisamente esta localidade do Baixo Miño acolleu, o pasado abril, o primeiro dos recitais da orquestra infantil e xuvenil de Vigo, ao que agora se suma o do sábado no concello de Oia e un terceiro que terá lugar o domingo día 12 de maio, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal.
Tendo en conta que un dos obxectivos da Kv211 é de tipo social, estes concertos dedícanse a Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública e integrada por persoas con enfermidades mentais, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.
Corda, vento, piano e percusión
Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211
A Orquestra Kv2211 conta con máis de 50 membros de entre 8 e 20 anos de idade e con formación en instrumentos de corda, vento, piano e percusión. Está dirixida por José M. Fernández e Raquel Fernández Núñez.
Pola súa banda, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro nace na Guarda cos obxectivos de recuperar arquivos, imaxes e outra documentación da historia mariñeira; desenvolver e fomentar actividades culturais e promocionar valores literarios, históricos, culturais, educativos e tradicionais, fundamentalmente arredor da cultura mariñeira.
O concerto deste sábado conta tamén coa colaboración do Concello de Oia, a Asociación Veciñal de Mougás e a Deputación de Pontevedra (Pontegal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario