A GUARDA QUENTA MOTORES PARA A XXXIV FESTA DA LAGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA
• Do 3 ao 5 de xullo, o porto guardés volverá converterse no epicentro da gastronomía mariñeira cunha programación para todos os públicos
• O pregoeiro desta edición será Tonhito de Poi, unha das voces máis recoñecidas e singulares da música galega
Infogauda/A Guarda
Falta menos dun mes para que A Guarda volva celebrar unha das súas citas máis emblemáticas. Do 3 ao 5 de xullo, o porto guardés acollerá a XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, unha celebración que cada verán reúne a milleiros de visitantes arredor da mellor gastronomía do mar, a música e o ambiente festivo.
Nesta nova edición, o Concello da Guarda volverá apostar pola fórmula que tan boa acollida tivo o pasado ano. Tras o éxito da ampliación da festa en 2025, cando a carpa abriu por primeira vez o venres ao mediodía, este ano repetirase a experiencia. Deste xeito, a gran carpa gastronómica situada no porto abrirá as súas portas ás 12:00 horas do venres, 3 de xullo, ofrecendo tres xornadas completas para desfrutar da gastronomía e a música.
A lagosta continuará sendo a gran protagonista, podendo degustarse cocida ou á prancha, pero a oferta gastronómica irá moito máis alá. Os restaurantes participantes, O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga, volverán ofrecer unha ampla variedade de elaboracións con produtos do mar, permitindo aos visitantes descubrir a riqueza da cociña mariñeira guardesa.
Como é tradición, a programación combinará gastronomía, cultura e entretemento para toda a familia. Ademais das actuacións musicais que animarán as tres xornadas, os asistentes poderán participar noutras actividades vinculadas ao mar e á identidade mariñeira da vila, entre elas as saídas a bordo do volanteiro Piueiro, unha oportunidade única para achegarse ao patrimonio marítimo da Guarda.
O Concello da Guarda desvela ademais o nome da persoa encargada de inaugurar oficialmente esta XXXIV edición. O pregoeiro será Tonhito de Poi, unha das voces máis recoñecidas e singulares da música galega.
Membro fundador de Heredeiros da Crus e alma de Poi Floïd, Tonhito acumula máis de tres décadas de traxectoria artística, destacando pola súa capacidade para conectar co público desde a proximidade, o humor e a autenticidade. Cantante, compositor, comunicador e creador incansable, a súa figura transcende o ámbito musical para converterse nun referente da cultura galega contemporánea.
O acto inaugural terá lugar o venres, 3 de xullo ás 20:30 horas no porto da Guarda, diante da carpa da festa. Durante o mesmo tamén se fará entrega da distinción “Lagosta de Honra”, un recoñecemento destinado a poñer en valor o labor dunha entidade local na promoción da cultura e da vida social da vila.
A programación completa da XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira darase a coñecer nas próximas semanas, pero A Guarda xa quenta motores para unha fin de semana na que gastronomía, música, tradición e mar volverán darse a man nun dos eventos máis esperados do verán galego.


Ningún comentario:
Publicar un comentario