Medio rural e a Mancomunidade de Montes do Baixo Miño poñen en marcha o primeiro proxecto piloto para colaborar na detección temperá dos incendios
• A entidade organizará equipos de vixilancia preventiva nestes montes, durante o verán, co obxectivo de reducir o risco e mellorar a capacidade de resposta ante conatos, axilizando os avisos ao Servizo de Prevención e Defensa da Xunta
• Esta iniciativa representa un avance máis na cooperación entre a Consellería e as comunidades de montes veciñais en man común para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que desenvolve o propio dispositivo autonómico
• Esta colaboración arrancou cunha xornada formativa organizada pola Mancomunidade co apoio técnico do distrito forestal XVIII e de membros da unidade de directores de extinción (UDEX) e que contou coa participación do director xeral de Defensa do Monte
Foto: XG
Infogauda/O Baixo Miño
A Consellería do Medio Rural e a Mancomunidade de Montes do Baixo Miño avanzaron hoxe na posta en marcha do primeiro proxecto piloto para colaborar na detección temperá dos incendios forestais nos montes desta entidade. Foi a través dunha xornada formativa celebrada en Goián (Tomiño) e que contou coa presenza do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco.
Esta iniciativa representa un avance máis na cooperación entre a Xunta e as comunidades de montes veciñais en man común para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que xa desenvolve o propio dispositivo autonómico fronte ao lume e que constitúe un dos eixos centrais do seu traballo, xunto coa extinción, a investigación ou a formación do persoal, entre outros ámbitos.
Deste xeito, a mancomunidade organizará equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nestes montes, durante a temporada de verán, co obxectivo de reducir o risco e mellorar a capacidade de resposta ante conatos, axilizando así os avisos ao Servizo de Prevención e Defensa fronte aos incendios forestais da Xunta. Cómpre salientar que a intervención temperá reduce tanto a superficie afectada como posibles danos económicos ou ambientais e, neste sentido, a colaboración cidadá, neste caso das comunidades de propietarios, consolídase como unha parte importante da resposta integral ante un incendio forestal.
Xornada formativa en Tomiño
O punto de partida desta iniciativa foi unha xornada formativa celebrada hoxe en Tomiño e organizada pola Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, que contou co soporte técnico de persoal do distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño e de membros da unidade de directores de extinción (UDEX) da Xunta.
Neste foro presentouse a rede Ollos no Monte, de vixilancia e participación cidadá para reforzar a prevención na contorna do Baixo Miño e destacouse a importancia de recuperar a relación entre as persoas e o territorio como elemento fundamental para a prevención de incendios forestais. Este é un proxecto nado desde as propias comunidades veciñais da contorna e apoiado pola Xunta, co obxectivo de mellorar a detección temperá, reforzar a prevención e fomentar o compromiso da sociedade coa protección do monte.
Neste contexto, o director xeral de Defensa do Monte lembrou a evolución experimentada polos montes galegos nas últimas décadas, sinalando que, aínda que hoxe existen máis medios, tecnoloxía e infraestruturas para combater os incendios, segue sendo moi importante a prevención mediante a xestión do combustible, o mantemento do territorio e a implicación social.
Nesta liña, Manuel Francisco puxo tamén en valor o papel de ferramentas como as queimas prescritas, realizadas por profesionais, para reducir o risco de grandes incendios forestais. Respecto ás causas dos incendios, o director lembrou que unha gran parte deles están relacionados actividade humana, subliñando a importancia da concienciación, a vixilancia e a colaboración cidadá. De feito, arredor do 70% son intencionados, segundo os datos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta.
Así mesmo, incidiu en que o monte constitúe un patrimonio colectivo que forma parte da memoria, a economía, a biodiversidade e a identidade de Galicia, e que a súa conservación require a colaboración de administracións, entidades locais e cidadanía. A xornada concluíu cun recoñecemento ao traballo das comunidades de montes, concellos, profesionais forestais e persoas voluntarias que participan activamente na defensa e conservación do territorio.
Apoio aos traballos preventivos
As comunidades de montes veciñais en man común son axentes clave no territorio. Aproximadamente, a quinta parte de Galicia, unhas 650.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por unhas 3.000 comunidades. A súa contribución na prevención de incendios forestais é fundamental, e por iso se mantén unha estreita colaboración e apoio desde o Goberno galego, convocando anualmente ordes de axuda para facilitar este traballo preventivo.
A maiores, os propietarios agrupados nas comunidades son os principais interesados en defender o seu terreo, teñen responsabilidade directa na súa conservación e protección e tamén son quen mellor coñecen o seu territorio (accesos, puntos de auga ou zonas de maior risco).

Ningún comentario:
Publicar un comentario