14 de maio de 2019

CULTURA

Román Rodríguez enxalza a figura de Antón Fraguas como "home das institucións e dos retos da vida pública"  

O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu ao acto de apertura da mostra ‘Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019’ no Museo do Pobo Galego

A exposición repasa a biografía do intelectual de Cotobade con especial atención á súa traxectoria como galeguista


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde no acto de apertura da mostra Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019 no Museo do Pobo Galego
Fotos: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela
 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde no acto de apertura da mostra Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019 no Museo do Pobo Galego. Durante a súa intervención, o conselleiro enxalzou o papel do historiador de Cotobade como “home das institucións e dos retos da vida pública” pola súa achega como intelectual nos eidos da cultura, a arqueoloxía, a xeografía, a arte ou a etnografía.

 A mostra, organizada polo Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas repasa a biografía e a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que se trata dunha exposición “rigorosa e feita co corazón” que repasa o “legado intelectual ético e humano” de Fraguas ao tempo que enxalza a lingua e cultura galegas.



 Para o conselleiro de Cultura e Turismo, o recoñecemento a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas deste ano permite destacar o papel dun home “que pensou sobre Galicia pensando na construción de Galicia”, xa que no seu labor como xeógrafo e historiador “tratou de expor e explicar o noso pasado e a nosa tradición para ofrecer sólidas bases de futuro”.



 A exposición consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida do intelectual de Cotobade, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, e outra na que se abordan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual. Permanecerá aberta ao público até o 28 de decembro, data do 114 aniversario do homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario