18 de mar. de 2019

A GUARDA

PATRIMONIO

A Dra. Rebeca Blanco-Rotea disertou sobre a fortaleza de Santa Cruz

· Coa súa interveicón remataron as Barferencias de inverno 2018-19


O concelleiro de Patrimonio do Concello de A Guarda, Manuel Javier Crespo González, na súa intervención, xunto a Dra. Rebeca Blanco-Rotea
Fotos: C.A.G.
 

Infogauda / A Guarda

 O pasado venres día 15 de marzo de 2019 tivo lugar na Cafetería Marbella a quinta e última Barferencia de Inverno 2018-2019, un ciclo que nesta edición contou cun total de 5 citas, nas que a afluencia de público foi extraordinaria. 

 Nesta oportunidade, grazas as explicacións da Dra. Rebeca Blanco-Rotea, os asistentes coñeceron como foi que a fortaleza de Santa Cruz, recinto fortificado en pleno centro da vila de A Guarda tras a Guerra de Restauración Portuguesa, pasou a formar parte do patrimonio do municipio. 


 Rebeca Blanco-Rotea na súa disertación

 En palabras de Rebeca Blanco-Rotea, a fortaleza de Santa Cruz é a fortificación galega de época moderna conservada no extremo máis suroccidental de Galicia, e formou parte do sistema defensivo galego que protexía as poboacións e o territorio situado a esta beira do río Miño, aínda que caeu en mans portuguesas en 1665, onde se mantivo ata a firma do tratado de paz de Lisboa en 1668.  

 A fortaleza de Santa Cruz formaba parte dun conxunto maior que controlaba esta zona da fronteira (un conxunto formado pola Atalaia do Balueiro, a batería de Camposancos, o garita do Monte Torroso e o facho do Monte Santa Trega), protexendo a vila de A Guarda dos posibles ataques dende o norte e o oeste, e os diferentes accesos á mesma, ven fosen por terra, por mar ou polo río.  

 Construído entre 1662 e 1664, é atribuído aos irmáns Carlos e Fernando Grunnenberg (Garrido 1989: 116; Cobos e Castro 2005: 86), responde aos principios da fortificación abaluartada característica da Idade Moderna. Presenta unha planta romboidal, con catro baluartes nas esquinas, e medias lúas que defenden as cortiñas entre baluartes, todo elo rodeado por camiños cubertos e foxos. En 1665, pasa a mans portuguesas, unha vez ocupada a vila e capitulado o gobernador. A partir do tratado de 1668, a fronteira mantense nun estado relativo de paz, mais mantéñense as prazas principais, mentres segue o proceso construtivo nalgunhas delas, fundamentalmente as grandes fortificacións permanentes. Outras fortificacións  destrúense, e unhas terceiras fanse de nova planta, como no caso do Forte de San Lourenzo.  

 Santa Cuz será un deses fortes que se manteñen no tempo, en poder do Estado español ate 1860 momento no que se vende por parcelas en subasta pública, e foi adquirido por varios propietarios como D. Juan Puebla ou D. Ángel González Sobrino, quen restaurou as murallas, modernizou a zona interior e habilitou outros sectores para cultivo. Na barferencia impartida por Rebeca Blanco-Rotea analizouse esta etapa, dende o 1668 ata xaneiro do 2016, momento no que ábrese este espazo ao público e destíñanse un edificio interior a centro de interpretación, que contén unha pequena exposición e está destinado tamén á elaboración de talleres. 

 Na disertación da Dra. Blanco-Rotea revisouse como o forte sufre un proceso similar ao doutras fortificacións galegas que perderon a súa función como fortaleza e comezan a sufrir un proceso de esquecemento da súa memoria que vai, en parte, aparellado á transformación urbana que viven as nosas cidades e vilas a partir da segunda metade do século XIX e, sobre todo, no século XX momento en que este pasa a formar parte do Patrimonio galego como monumento e Ben de Interese Cultural, con todo o que esta figura conleva. Xa no século XXI o forte pasa por un proceso de patrimonialización que remata na súa recuperación por parte das administracións públicas, pola súa recuperación e posta en valor.  

 Ao remate, Rebeca Blanco-Rotea explicou o proceso polo cal o Castelo de Santa Cruz pasa de ser un símbolo da defensa dun territorio, a ser un elemento patrimonial cuxa funcionalidade vai depender de moitos factores, nos que interveñen, a súa vez, moitos axentes. Esa nova identidade que poderá ter diferentes vertentes, converténdose a fortaleza en referente identitario, patrimonial, cultural ou social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario