14 de feb. de 2019

TOMIÑO

O Concello de Tomiño traballa nun plan de accesibilidade para persoas con autismo 

A alcaldesa mantivo unha primeira renión coa Federación Autismo Galicia e a Asociación Un Máis   


Esta semana a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Medio Rural, mantivo unha primeira reunión con representantes da Federación Autismo Galicia e de Un Máis
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño traballa na mellora da accesibilidade cognitiva das persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA). Unha de estas medidas, trata concretamente de confeccionar un plan de comunicación a través de pictogramas (debuxos sinxelos e esquemáticos descritivos da realidade) que se levará a cabo en todos os colexios de Educación Primaria e Infantil do municipio.  

 Esta semana a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Medio Rural, mantivo unha primeira reunión con representantes da Federación Autismo Galicia e de Un Máis. Asociación de pais, familiares e amigos de persoas con TEA do Baixo Miño, principal impulsora da iniciativa na comarca.  

 Na xuntanza, expuxéronse as características do proxecto, que ten coma obxectivo concienciar e formar sobre as barreiras que se atopan as persoas con TEA e que poidan facer uso das instalación educativas do municipio “dun xeito máis igualitario e autónomo, xa que comprenderán mellor o seu funcionamento”.  

 Ao mesmo tempo as persoas sen este trastorno, coñecerán un sistema alternativo de comunicación, sensibilizándose coa causa, e outros colectivos (persoas con discapacidade intelectual, problemas da linguaxe, da visión ou estranxeiras), atoparán nos pictogramas unha valiosa axuda.  

 A partir de agora, membros da Asociación Un Máis comezarán a visitar os diferentes centros educativos para realizar a valoración dos espazos. Seguidamente, farán chegar ao Concello unha proposta que, de ser aprobada, enviarase á imprenta, procedendo por último, á colocación dos pictogramas en cada un dos colexios.  

 A Federación Autismo Galicia, leva realizadas múltiples intervencións deste tipo nunha decena de concellos galegos, mesmo no edificio administrativo da Xunta de Galicia. Asemade, leváronse a cabo actuacións nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, Universitario de Ourense e Clínico Universitario de Santiago de Compostela, entre outros.  

 Os datos de prevalencia sitúan a que 1 de cada 100 nacementos terá autismo. En España estímase que máis de 450.000 persoas pode presentar un trastorno do espectro do autismo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario