A presidenta da Deputación de Pontevedra rodéase do sector da moda, do deseño e das influencers na visita guiada á exposición de moda no Castelo de Soutomaior
A presidenta anunciou que a mostra "A moda en detalles" "permanecerá un mes máis no Castelo grazas á afluencia de público e ao rotundo éxito acadado" e que a partir de febreiro organizaranse visitas teatralizadas da man de María Vinyals e Coco Chanel
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, acompañada da deputada Digna Rosa Rivas e do deputado Santos Héctor, así como da directora do Máster de Moda, Lola Dopico, da co-fundadora e deseñadora de D-DUE, Charo Froján, e da artista e deseñadora gráfica Mónica Mura, na visita guiada á mostra "A moda en detalles: Indumentaria e complementos"
Foto: D. PO.
Infogauda / Soutomaior
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, acompañada da deputada Digna Rosa Rivas e do deputado Santos Héctor, así como da directora do Máster de Moda, Lola Dopico, da co-fundadora e deseñadora de D-DUE, Charo Froján, e da artista e deseñadora gráfica Mónica Mura, participou na tarde de onte na visita guiada á mostra "A moda en detalles: Indumentaria e complementos" que está exposta no Castelo de Soutomaior. No percorrido, dirixido pola comisaria Natalia Fraguas, tamén asistiron unha vintena de bloggers e instagramers amais de público vinculado ao sector da moda. Ademais, a presidenta aproveitou a visita para anunciar que "grazas á afluencia de público e ao rotundo éxito acadado, "A moda en detalles" permanecerá un mes máis no castelo de Soutomaior, ata finais de marzo".
"A moda significa moito máis que vestimenta xa que nos permite ver como temos evolucionado ao longo dos séculos", asegurou Silva. Deste xeito, a presidenta provincial destacou a relación entre moda e avance social, "particularmente entre nós, as mulleres, xa que a través da moda vese como temos evolucionado, como nos fomos liberando e empezando a ocupar espazos públicos". Tamén fixo fincapé Silva na importancia da moda como elemento de liberación e de identificación, "como no caso das sufraxistas, que empregaban elementos que as diferenciaban e facían visibles a través da moda, ou de Coco Chanel, que fixou unha posición das mulleres no mundo".
Amais, a presidenta provincial reivindicou o papel das mulleres como creadoras de moda e a necesidade de impulsar "vestimentas que nos permitan responder ás múltiples actividades que agora podemos realizar, aos novos tempos e esixencias das mulleres no mundo".
Durante a visita Charo Froján subliñou a importancia de coñecer a tradición, a realidade, e conectar a moda co mundo. Neste mesmo eido incidiu Lola Dopico, que enxalzou os avances na moda e indumentaria de finais do século XIX e principios do XX, que "nos permite ver quen fomos e como somos, que amosa como as mulleres comezamos a ocupar o espazo público". Pola súa banda, a artista multidisciplinar Mónica Mura fixo fincapé na moda como forma de expresión e na estreita relación entre moda e arte.
Amais, tamén durante o percorrido guiado a presidenta da Deputación aproveitou para adiantar novidades motivadas pola boa acollida que está a conseguir esta mostra. Neste eido, Carmela Silva adiantou que "temos previsto organizar a finais de febreiro e ao longo do mes de marzo visitas teatralizadas con María Vinyals e Coco Chanel como protagonistas".
Na visita á exposición púxose en valor a vinculación da moda dos séculos XIX e XX coas actuais tendencias, así como a súa relación co movemento feminista e enxalzouse esta disciplina como un elemento de expresión cultural que contribuíu á democratización da muller e á ruptura de clixé en torno ao corpo feminino. Así, recordouse que a moda favoreceu, dende principios do século XX, a que muller se convertese na dona do seu corpo, mostrándolle ao mundo os novos roles para os que socialmente estaba destinada. Sobre todo, no desenvolvemento de actividades que non só se reducisen ao ámbito doméstico e familiar despois da Primeira Guerra Mundial.
"A moda en detalles: Indumentaria e complementos" é a primeira acción cultural e complementaria que se desenvolve no Castelo de Soutomaior no marco das accións previstas para a posta en valor da musealización e o potencial histórico e cultural do edificio. A exposición, que poderá visitarse ata finais de marzo, recolle 200 pezas únicas da historia da moda feminina de finais do século XIX e principios do século XX que forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, moitas delas expostas por vez primeira en Soutomaior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario