A Xunta de Galicia solta en Carnota 575 xuvenís de lumbrigante para contribuír a aumentar a poboación da especie
A acción foi realizada polo alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura
A Xunta leva soltados preto de 4.800 exemplares deste crustáceo nos últimos oito anos
Todos os individuos desta acción de repoboación levan unha marca microscópica cun código gravado que permite a súa localización
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do
Mar, Susana Rodríguez, participou hoxe na solta de 575 exemplares de
xuvenís de lumbrigante
Foto: X. G.
Infogauda / Carnota
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do
Mar, Susana Rodríguez, participou hoxe na solta de 575 exemplares de
xuvenís de lumbrigante que realizou esta mañá o alumnado do Instituto
Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) na Praia do Mar de Lira, no
concello de Carnota. Unha acción coa que a Xunta busca contribuír a
mellorar a poboación da especie na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro
Os Miñarzos así como estudar o seu crecemento e outros aspectos da súa
bioloxía.
O Igafa vén realizando este tipo de soltas desde o 2012,
nas que a Consellería do Mar xa leva incorporado ao medio mariño case
4.800 exemplares de lumbrigante, a maioría na costa de Lira.
Os
individuos liberados deste crustáceo, duns 6 centímetros de lonxitude,
foron cultivados polos alumnos e as alumnas do Igafa nas súas prácticas
de estudo mentres que os seus proxenitores son salvaxes e proceden das
rías galegas. Todos eles levan inserida unha marca microscópica cun
código gravado que permite a súa localización cos detectores especiais
que están distribuídos nas lonxas da zona.
No traslado dos
exemplares desde o Igafa ata a praia de Lira participaron efectivos do
Servizo de Gardacostas de Galicia mentres que ao seguimento e
recompilación de información dos lumbrigantes recapturados incorpórase
este ano persoal da Unidade Técnica da Pesca de Baixura.
Esta é
unha mostra máis do importante traballo de cultivo de especies realizado
polo profesorado e o alumnado do Igafa, centro referente en España na
formación de acuicultura e mergullo. Un labor que contribúe ao
compromiso da Xunta coa comunidade galega, co seu mar e cos seus
traballadores e que inclúe o de coidar os ecosistemas e os seus
recursos.
As soltas
As soltas para a repoboación de
especies mariñas comezaron a realizarse no marco do Plan de repoboación
de especies mariñas que se realizou en Galicia, que tivo a súa orixe no
ano 2000 e que se impulsou no ano 2005 a través de varias accións de
investigación, nas que participaron o Centro de Investigacións Mariñas
(CIMA) e o propio Igafa.
Desde o ano 2012 as soltas realízanse a
través do alumnado do Igafa, que liberan os exemplares cultivados nas
súas prácticas de estudo. Estes individuos adoitan acadar a talla
comercial cando chegan aos catro anos e medio de idade aproximadamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario