MEDIO RURAL E O CONCELLO DO ROSAL COLABORAN NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS AGRARIAS
O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, coa alcaldesa María del Carmen Alonso Alonso e a 1ª tenente de alcalde, Charo Tabales Perozo
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, reuniuse coa alcaldesa do Concello do Rosal, María del Carmen Alonso Alonso, para coñecer de primeira man as demandas e necesidades dos habitantes deste municipio pontevedrés. Así, o conselleiro avaliará a posibilidade de reparar algún dos camiños principais das dúas zonas de concentración parcelaria que hai no municipio, Santa Mariña do Rosal e Tabagón- As Eiras, co fin de mellorar a circulación e, polo tanto, a calidade de vida dos veciños.
Así mesmo o conselleiro e a alcaldesa estudaron as posibles medidas que poidan incentivar o desenvolvemento da agricultura sostible nas mesmas zonas, para paliar o desemprego na zona e aproveitar a excelente calidade das terras no cultivo de horta autóctona e de calidade. Por outra banda, ambos dirixentes tamén analizaron a posibilidade de repoboar con especies autóctonas o conxunto histórico e etnográfico dos Muíños do Folón e do Picón, solicitude que o conselleiro se comprometeu a estudar co Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario