19 de feb. de 2019

MADRID

CULTURA

A REVISTA OLGA, “VOCES CEIBES: OUTRA RE-VOLTA” PRESENTOUSE ONTE NA CASA DE GALICIA EN MADRID PARA LEMBRAR Á MÍTICA FORMACIÓN 

· A publicación que dirixe o poeta e antigo membro do grupo, Vicente Araguas, dedica o número seis ao movemento musical no 50 aniversario da súa fundación


A revista Olga en primeiro termo e na mesa, Rafael Yáñez, secretario da publicación; Ramón Jiménez, coordinador de Actos da Casa e Manuel Pereira, subdirector de Olga
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta en Madrid acolleu na tarde de onte a presentación do número 6 de Olga (Revista de Poesía Galega en Madrid) que leva por título “VOCES CEIBES: OUTRA RE-VOLTA”, dedicado ao movemento musical Voces Ceibes no cincuentenario da súa fundación. Ao acto estaba previsto que correra a cargo de Vicente Araguas, director da publicación e antigo compoñente de Voces Ceibes, pero non foi posible (por falecemento da súa irmá), e no seu lugar fixérono os poetas Manuel Pereira e Rafa Yáñez, subdirector e secretario respectivamente da publicación. Voces Ceibes foi un colectivo musical formado en Santiago por un grupo de cantautores dedicados á canción social de protesta en galego que desenvolveu a súa actividade entre 1968 e 1974. Gravaron varios discos e ofreceron moitos concertos entre os que destaca a súa actuación en París en 1969. 

 Ramón Jiménez, coordinador de Actividades da Casa de Galicia, foi o encargado de ponunciar unhas palabras, en nome José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da institución galega. “Olga, escrito así, con só a O inicial maiúscula, para significar quizá que, aínda que se trate dunha Revista de Poesía Galega en Madrid, podería tratarse tamén dun fermoso nome de muller, dun tipo de alga ou mesmo da pegada dunha pisada na neve ao camiñar”, dixo Jiménez, e lembrou a presentación do primeiro número, dedicado ao Grupo Bilbao do Café Comercial, que tamén se fixera na Casa aló polo 2016, e que fora ao mesmo tempo unha homenaxe ao creador, impulsor e editor da publicación, Sabino Torres, que falecera uns días antes. “De Sabino, que nos frecuentaba, gardamos un magnífico recordo, como tamén o facemos do seu amigo e amigo de todos nos, Borobó”. Recoñeceu ademáis, o seu erro  por non decatarse ata agora, grazas a este número da revista, da importancia que a música tivo no pasado de Araguas. “Despois de permanecer durante 25 anos nesta crenza, vexo cuan equivocado estaba, canta era a miña ignorancia sobre a entidade dos antecedentes musicais do noso amigo Vicente, tamén poeta, escritor, crítico literario... pois todo é compatible”. 


Na pantalla proxectáronse varias actuacións de Voces Ceibes que transportaron no tempo aos asistentes a medio século atrás

 Seguidamente proxectouse o audiovisual “Compañeiros”, cunha canción de Benedicto, dedicada aos diferentes compoñentes. 

 Rafa Yáñez leeu parte do prólogo escrito por Araguas para Olga. Para o director, "Olga", xa no seu número 6, segue tan combativa e bulidora cal a imaxinara seu ideólogo, Sabino Torres. “Voces Ceibes fora un grupo de canción belixerante que cumpría, xa que logo, unha función política -en tempos de silencios obrigados- mais tamén poética. Ética e estética unidas, pois. Por iso a súa presencia nunha revista de poesía. Porque aquela música precisaba dun contido textual, o contexto pedíao, compría darllo. OLGA, por certo, vale para "pegada na neve". E iso é o que vai deixando ou quere deixar, rastro na beleza. Desta volta na compaña dunha serie de especialistas na materia. Que falan do que foi, tamén de quen foran (Vaamonde, Bibiano, Benedicto). E xa non están." 

 Pereira fixo un repaso polos especialistas que cubren este número saliéntase a presencia de Joáo Carlos Calixto, analista das relacións galaico-lusas no terreo musical, Fernando Valiño, un xornalistas que ten explorado este espazo moi de perto, Sheila Fernández Conde, autora dunha tese doutoral sobre Voces Ceibes ou Xan Fraga, biógrafo el mesmo de Miro Casabella, cantautor aínda en exercicio, Sonia Barboni, da Universidade de Padova ou Xan Guitián, amigo persoal do recentemente falecido Benedicto García. “Todo un luxo de colaboradores para un número de OLGA certamente especial. Tan insólito como a presencia dunha revista de "papel" nos -malos- tempos que corren", suliñou. 

 Sinalar tamén que para Voces Ceibes os poemas de Celso Emilio Ferreiro constituían as letras da maior parte das súas cancións, ademais dalgunhas composicións propias. Inicialmente o grupo estaba integrado por Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Alfredo Conde e Margarita Valderrama. Posteriormente engadíronse Miro Casabella, Xaime Barreiro Gil, Tino Álvarez, Suso Vaamonde e Bibiano.  

 Para rematar o acto, e deixalo redondo, proxectouse “Canción triste”, como homenaxe a situación, unha peza que transportou aos asistentes, polo túnel do tempo medio século para atrás, “cando a historia era outra e o mundo pouco tiña que ver co actual”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario