5 de feb. de 2025

OIA

O BNG pide a Augas que medie entre a CHMS e o Concello de Oia para desenvolver un “proxecto de presa serio” en Loureza  

• Brais Ruanova pide tamén diálogo coa veciñanza para facer efectiva a comunidade de regantes, pola que agardan na parroquia dende hai anos  

 

Brais Ruanova Vilas-Boas, deputado do BNG, nun momento da súa intervención, na maña deste mércores, día 5 de febreiro, na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente y Servizos, do Parlamento "Sobre as previsións que ten o Goberno galego de establecer un diálogo coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e co Concello de Oia para mellorar o estado actual do encoro de Loureza e para garantir a legalidade da comunidade de regantes do Folón"

Infogauda / Oia

 O deputado do BNG, Brais Ruanova, reclamou no Parlamento a mediación de Augas de Galiza para resolver o conflito que manteñen o Concello de Oia e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) dende o ano 2013, cando se realizaron unhas obras no río Tamuxe, na parroquia de Loureza, para levantar un muro de terra e pedras onde historicamente había unha presa e para arranxar un rego con formigón.   

 A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado da comarca apelou o director xeral de Augas a iniciar un diálogo a tres bandas, co concello, a CHMS e mais a veciñanza de Loureza, con dous obxectivos. Por unha banda, desenvolver “un proxecto de presa serio que cumpra os criterios ambientais e de seguridade para o paso de persoas e que poida fornecer de auga ao rego do Folón” e, pola outra, “velar, informar e axudar dentro das competencias da Xunta para que se faga efectiva a comunidade de regantes” pola que agardan dende hai anos na parroquia.   

 Rúanova criticou, neste punto, a actuación do Goberno local de Oia, en mans do PP, que “enganou sen ningún tipo de escrúpulo” á veciñanza respecto á constitución desa comunidade de regantes, nun intento de revocar a sanción de máis de dez mil euros da CHMS pola execución de obras sen o seu permiso. Unha veciñanza que, agregou, é vítima do “modus operandi máis caciquil do PP no concello, o de ‘ti vai facendo que xa veremos como arranxamos logo’”.   

 O deputado nacionalista considerou que o estado da presa é hoxe en día “deplorable” e que a zona, cun gran valor paisaxístico, de biodiversidade e de esparcemento, está chea de troncos, lama, pedras, terra e plásticos. “Unha zona que podería ser envexa paisaxística de moitos lugares está nun estado de abandono total”, denunciou.   

 Ademais, advertiu que “para mais problema, estes troncos son usados como zona de paso, sen garantías de seguridade, para as persoas que van ás pozas de Louza a escasos metros augas arriba”.   

 É por iso que o BNG defende que é “vital” a restauración da presa, adecuando unha estrutura que cumpra “escrupulosamente” os criterios ambientais e de seguridade e que preste “o tan necesario servizo de derivación dun caudal  suficiente de auga para o rego mais tamén que articule o paso de persoas de xeito seguro”.  

 “Facer iso non é algo utópico”, apuntou Ruanova Vilas-Boas, que destacou que existen no País actuacións similares, como a restauración do caneiro de Acea de Olga, no Concello de Lugo, onde se desviará o curso do río Miño para solucionar o mal estado no que se atopa dende hai anos este caneiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario